Martiño Noriega pide "diálogo" e que se vote para desbloquear o conflito en En Marea

 

Afirma que o que acontece no espazo político a nivel galego non está vinculado coa realidade que viven as mareas municipalistas

Martiño Noriega. LAVANDEIRA JR.
photo_camera O alcalde de Santiago, Martiño Noriega. LAVANDEIRA JR.

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega (Compostela Aberta), asegurou que a resolución do conflito aberto en En Marea pasa pola apertura dun "diálogo" entre os dous sectores enfrontados e que se leve a cabo "unha votación" algo que, nestes momentos, atópase paralizado por presuntas irregularidades no censo. A preguntas dos medios este luns na capital galega, negou que En Marea estea abocada a unha ruptura após o acontecido nunha última semana na que os dous sectores —os afíns a Luís Villares e o sector crítico, no que se inclúe Compostela Aberta— avivaron as súas diferenzas até o punto de cruzar reproches de "fraude" e ameazas de recorrer aos tribunais. 

"Para nada, non pode nin debe ser unha opción. A situación evidentemente é pouco edificante e ten unha difícil explicación na sociedade", asegurou o rexedor compostelán, que cre que o conflito "hai que resolvelo con diálogo e cun horizonte de votación".  Con todo, volveu a insistir en desligar o que acontece no espazo político a nivel galego coa realidade que viven as mareas municipalistas, que encaran os últimos meses antes da cita coas urnas do próximo mes de maio. 

Para Noriega, que apoiou publicamente a lista 'Entre Todas' de David Bruzos, a "dinámica" de En Marea "non é mimética" ás mareas locais que, di, teñen "un funcionamento moi bo". Con todo, recoñece que a situación "é pouco edificante e iso nunca sae gratis". Así as cousas, a cabeza visible de Compostela Aberta, a marea que iniciou os movementos que derivaron na creación da Mesa da Confluencia que, á súa vez, deu orixe á candidatura do sector crítico; evitou responder a máis preguntas sobre a situación que atravesa En Marea. 

EU lamenta a suspensión de votación e acusa á "dirección" de En Marea

"Non teño máis que dicir que o que acabo de dicir", asegurou á pregunta de se se cre inevitable que as diferenzas se resolvan nos tribunais após apelar á "responsabilidade" dos actores do partido instrumental.

Nesa liña, Esquerda Unida insta a retomar as votacións internas de En Marea porque a paralización das mesmas supoñen "unha vulneración" aos dereitos dos inscritos que obedece a unha decisión da actual dirección do partido. "Nesta fin de semana puidemos comprobar como unha serie de acontecementos impediron que levasen a cabo as votacións para a renovación do Consello das Mareas", lembran desde Esquerda Unida nun comunicado no que sosteñen que "a suspensión do proceso responde a unha decisión da comisión de garantías, a instancias da dirección saínte de En Marea".

Ao seu parecer, está determinación tómase "aducindo supostas defectos para o desenvolvemento das eleccións" que o Comité Electoral, "único órgano lexitimado para paralizar o proceso", nega. En base a iso, desde a formación que lidera a vicepresidenta do Parlamento, Eva Solla, consideran que "a suspensión do proceso tomada desde a dirección saínte de En Marea supón unha vulneración dos dereitos das persoas inscritas". Fronte a iso, demandan "unha solución rápida, transparente e con garantías" para que as persoas inscritas poidan votar con moita brevidade no proceso de renovación dos órganos de dirección de En Marea.

O PPdeG esgrime que Noriega quere apartar a Villares para "poñerse á fronte das mareas de Podemos" en Galicia

A TEORÍA DO PPDEG. Pola súa banda, o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, esgrimiu este luns que o alcalde de Santiago pretende apartar do liderado de En Marea a Luís Villares para "poñerse" el "á fronte das mareas de Podemos" en Galicia. "O importante aquí é saber cando o señor Villares deixará de ser o portavoz parlamentario de En Marea e cando o señor Noriega abandonará o Concello de Santiago para poñerse á fronte das mareas de Podemos aquí en Galicia", sinalou, en alusión ao enfrontamento interno que se vive no marco da formación rupturista.

"Aquí do que se trata é de saber quen vai a mandar máis, se os que se foron do Bloque e metéronse nas mareas, se os de Esquerda Unida, ou se Podemos", sentenciou, convencido de que isto é "o que lles preocupa, non a gobernabilidade de Ferrol, da Coruña ou Santiago, ou construír un proxecto alternativo ao do Partido Popular en Galicia, xa que a súa prioridade é outra e demóstrano día a día".

O político ferrolán asegurou que En Marea "é unha loita entre partidos, por ver o que dirixe e manda, onde o único que lles interesa, ás dúas candidaturas enfrontadas, é saber quen se pon á fronte do negociado" e que xera "unha nova crise". Ao seu xuízo, a situación evidencia que se está ante "os estertores dun proxecto político con escaso futuro". 

Comentarios