sábado. 28.11.2020 |
El tiempo
sábado. 28.11.2020
El tiempo

Medio cento de traballadores de Serrabal péchanse no concello de Vedra

Florentino Castro, presidente do Comité de Empresa da mina de Serrabal, este mediodía no peche no Concello de Vedra (Foto: OTTO/AGN)
Florentino Castro, presidente do Comité de Empresa da mina de Serrabal, este mediodía no peche no Concello de Vedra (Foto: OTTO/AGN)

Os traballadores trasladaron as súas protestas á Coruña, onde máis dun cento se manifestaron fronte á delegación do Goberno. Alí estaban reunidos representantes de Adif e dos sindicatos, para explicar os motivos do trazado do AVE que atravesaría a mina. Durante un tempo os empregados de Villar Mir cortaron a rúa, aínda que a concentración foi pacífica.

Pola mañá, os traballadores da mina de cuarzo de Serrabal iniciaban as súas protestas contra o trazado do AVE que, de non modificarse, afectaría a parte da canteira propiedade de Villar Mir. Medio cento de persoas pecháronse na casa do concello de Vedra, para reclamar un cambio no proxecto do tren de alta velocidade que non afecte a Serrabal.

Os traballadores entraron na casa do concello arredor das 11 da mañá e colgaron no exterior dúas pancartas nas que reclaman o traslado do trazado do AVE. Anunciaron que o peche ten carácter indefinido e que se manterá ata que obteñan unha noticia que leve aparellado un cambio de trazado do AVE. Reclaman un posicionamento do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, no que apoie as demandas dos traballadores e reclame de Fomento unha modificación do proxecto.

O portavoz do comité de empresa de Ramsa (compañía que explota a mina), Florentino Castro criticou os datos ofrecidos por Fomento á hora de decidir o trazado definitivo, nos que se afirma que o tramo só afectará ó 10% das reservas, asegurando que "isto non é certo, non o cren eles nin o cre ninguén".

O alcalde en funcións de Vedra, o socialista Odón Cobas, declarou que apoia aos traballadores, pese a opinar que sitio escollido para o peche non é o máis axeitado. Por outra banda, os empregados das fábricas de Ferroatlántica en Arteixo e Cee, que procesan o mineral extraído en Serrabal, tamén están a protagonizar peches nos consistorios destes dous concellos coruñeses.

Protestas anunciadas
Os sindicatos e o comité de empresa xa anunciaran onte mobilizacións, dado que consideran que o paso do AVE pola canteira afectaría aos seus empregos. Actualmente, da mina de Villar Mir dependen unhas 1.500 familias, se contamos tamén os traballadores das fábricas de silicio de Ferroatlántica en Cee, Arteixo e Dumbría.

As mobilizacións, que están convocadas polos sindicatos CIG e UGT, iniciáronse coincidindo coa reunión á que estaban convocados representantes de Adif, do goberno central, do executivo galego e dos sindicatos.

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, xa reiterou durante a mañá a súa "disposición a escoitar a proposta de Fomento" na reunión da tarde, antes de facer calquera valoración sobre esta cuestión.

Medio cento de traballadores de Serrabal péchanse no concello de Vedra
Comentarios