A Mesa denuncia agresións da Garda Civil durante a marcha en defensa do topónimo da Toxa

"Parécenos unha actitude absolutamente irresponsable e desproporcionada", censuraron
Enfrontamento entre a Garda Civil e os manifestantes. A MESA
photo_camera Enfrontamento entre a Garda Civil e os manifestantes. A MESA

A concentración convocada pola Mesa no Grove para denunciar a deturpación do topónimo da Toxa saldouse con momentos de tensión nos que a Garda Civil chegou a empurrar a varios dos manifestantes para apartalos da estrada. 

En concreto, a protesta buscaba criticar o uso deste topónimo por parte do III Foro La Toja 2021, onde este mércores se deron cita o Rei Felipe VI, a vicepresidenta primeira do Goberno, Nadia Calviño ou o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, entre outros. 

Un grupo de persoas convocadas pola asociación acudiu á ponte preto das 17.00 horas portando diversos carteis coa lema 'Eu quero galego' e unha pancarta na que se lía 'A Toxa polo seu nome'. 

Con todo, segundo o relato de participantes na protesta, a Garda Civil non lles permitía cruzar a ponte e producíronse incidentes ao tentar situarse no medio da vía, momento no que varios axentes empuxaron e obrigaron aos manifestantes a apartarse á beirarrúa. Entre eles atopábase o propio presidente da Mesa, Marcos Maceira, que acabou polo chan debido a un destes empuxóns. 

En declaracións a Europa Press, Maceira denunciou que os axentes mostraron "moita agresividade" cara a eles desde o primeiro momento e tampouco permitiron intervencións dos portavoces da asociación para dirixirse cara á xente. "Parécenos unha actitude absolutamente irresponsable e absolutamente desproporcionada", censurou. 
 

Comentarios