Presidente do Parlamento Galego

Miguel Santalices: "Hai mecanismos para a transferencia de servizos sen ter que modificar o Estatuto de Autonomía"

Ao final da XI Lexislatura Miguel Santalices acumulará 28 anos como parlamentario. Nesta entrevista analiza os 40 anos da Cámara galega e dá o seu parecer sobre asuntos como o independentismo e a lingua
Miguel Santalices. GONZALO GARCÍA
photo_camera Miguel Santalices. GONZALO GARCÍA

É o deputado máis veterano (que non vello) do Parlamento galego, no que leva 25 anos, os últimos seis como presidente da Cámara do Pazo do Hórreo. Miguel Santalices (Bande, 1955) posúe unha longa traxectoria no ámbito político, forxada tras acumular unha grande experiencia na xestión sanitaria de hospitais como o Psiquiátrico Doctor Cabaleiro Goás en Toén (Ourense), o de Vigo e o de Ourense. Desde que tomou posesión do seu escano, en 1977, Santalices formou parte de sete das once lexislaturas nas que tivo o privilexio de ser testigo directo de moitos dos acontecementos compilados na exposición O poder da palabra. 40 anos do Parlamento de Galicia. A mostra pódese visitar no Café Moderno Afundación de Pontevedra ata o día 25.

Cal é a súa visión do proceso que naceu hai 40 anos en forma de Estatuto de Galicia e da evolución do Parlamento galego?
É un proceso que ten unha carga de xenerosidade importante por parte de persoas que se implicaron nun primeiro momento, moitas delas cun gran custo persoal. Ter claro cara a onde querían ir con Galicia como comunidade autónoma ten unha recompensa importante: a situación que temos hoxe. Foi un esforzo que estivo moi ben fiado polos que deron o primeiro paso nos anos 30, un proxecto de Estatuto que se viu truncado por mor da guerra civil. Hoxe a nosa obriga é conservar ese tesouro que aí nos quedou. Son un privilexiado porque vivín o cambio co Estatuto de Autonomía —que emana da Constitución— e que permite que aquí poidamos facer un Goberno de acordo coas nosas necesidades valéndonos das transferencias de determinados servizos.

Que transferencias destacaría?
Sobre todo a de sanidade. Vivín a situación antes das transferencias nos anos 90 e despois de que se fixeran. Aí está o cambio substancial do que supuxeron estes 40 anos de Estatuto e Parlamento.

Como era a situación sanitaria en Galicia antes das transferencias?
Era un andar mendigando a Navarra, Santander, Madrid, Vall d’ Hebron... para que nos atenderan a pacientes porque aquí non dispoñiamos de servizos desa complexidade. Non había Oncoloxía, Cirurxía Pediátrica e Cirurxía Cardíaca. Tiñamos que remitir a tódolos pacientes a Santander, a Valdecilla e a Madrid, e para iso nos valiamos daqueles médicos galegos que estaban por aí fora, pedíndolles que nos atenderan aos nosos paisanos. Eses médicos galegos, de moito prestixo (entre eles o pontevedrés Barros Malvar), sempre estiveron á altura. Tampouco había en Galicia centros de saúde cando ahora a discusión é se imos construir 30 máis ou menos, e xa hai máis de 400. O mesmo pasou coas comunicacións e tamén co ensino. Eu son profundamente autonomista, pero non estou tanto na guerra de se teñen que vir máis transferencias. Se teñen que vir, que sexan as necesarias e as que poidamos xestionar racionalmente e ben.

Se teñen que vir novas transferencias, que sexan as necesarias e as que poidamos xestionar racionalmente ben

Como por exemplo a competencia sobre a xestión do dominio público marítimo-terrestre, é dicir, sobre a costa?
A proposta, que foi debatida no Parlamento galego o pasado mércores, saíu adiante coa unaminidade de tódolos grupos. Creo que hai mecanismos suficientes, tanto xurídicos como doutra índole, como para facer unha transferencia sen necesidade de ter que modificar o Estatuto. O importante é que no Parlamento galego hai unha concienciación de que é imprescindible reclamar a competencia sobre a xestión da costa.

Que pensa sobre as propostas que figuran no programa electoral dalgún partido político para a abolición das comunidades autónomas?
Véxoo coma un contrasentido porque aqueles que falan de abolir as comunidades autónomas no momento da verdade están xestionándoas o bixestionándoas. Ter un sentimento profundamente autonomista non significa estar falando de independencia senón dun concepto de autonomía integrador. Otero Pedraio e a Xeración Nós falaban da Europa dos pobos pero definían a unha Galicia integrada en España e España integrada en Europa. Ter o sentimento de que algunhas cousas que son específicas dunha comunidade poden ser xestionadas de acordo a esas singularidades é un proceso dunha riqueza importantísima. Por iso me sinto autonomista.

E cal é a súa opinión sobre o debate independentista?
A miña percepción é que na rúa non se está a falar sobre independentismo senón das cousas que neste momento preocupan á xente: a carestía da vida, as situacións orixinadas pola pandemia e como podemos recuperarnos da crise económica. No Parlamento galego tampouco se debate sobre iso senón sobre temas moi interesantes, con ópticas distintas dos tres grupos políticos representados na Cámara que teñen distinta ideoloxía. É un Parlamento enriquecedor que conta cun amplo nivel de consenso ata o punto de que preto do 60% se concreta nas comisións.

Ten a lingua galega o peso institucional que debe ter ou queda camiño por percorrer?
A relevancia do idioma e o seu peso institucional é importante. Baste dicir que o galego é o único Parlamento de España no que todos os seus deputados e deputadas falan o idioma materno, neste caso o galego. Hai outras comunidades que fan da lingua a súa bandeira pero que no momento da verdade non todos os deputados falan na lingua propia da comunidade. No noso Parlamento se hai algún deputado que non é galego fai o esforzo por aprendelo e falalo na Cámara. Todo o mundo en Galicia practica un bilingüísmo cordial e non facemos da lingua unha fonte de enfrontamento. No meu caso, eu son arraiano e penso en galego.

É unha inercia que podería finalizar se Vox obtén representación na Cámara galega.
Penso que ese suposto está lonxe pero non se pode asegurar que non vaia suceder. Plantexaríase unha situación que está protexida pola Constitución e o Estatuto: Galicia é unha comunidade que ten dúas linguas cooficiais, como son o galego e o idioma da nación española, o que dá opción a expresarse en calquera delas. Non sendo obligatorio, neste momento tódolos membros do Parlamento estanse a expresar no idioma materno, o galego.

Na rúa e no Parlamento galego non se está a falar sobre independentismo

Que diferencia hai á hora de facer política nun Parlamento como o galego, no que hai tres opcións, fronte aos doutras comunidades nos que a representación está máis fragmentada?
Na actual lexislatura somos tres grupos, pero hai que lembrar que na anterior estaba En Marea, que entrou con 14 deputados e que tivo unha serie de vicisitudes que provocaron a súa escisión, unha situación na que chegamos a ser cinco grupos. Nas seguintes eleccións En Marea pasou a cero deputados porque a sociedade galega non é partidaria das estridencias nin dos ruídos senón que está a favor de que a representen. Foi unha penalización da propia sociedade, que concentrou nos tres grupos actuais a súa representación ao non estar de acordo co comportamento dos outros partidos políticos.

A que cre que se debe que no Parlamento galego non haxa representación doutros partidos como pode ser o caso de Vox ou de Ciudadanos?
A que o PP é un partido de corte moderado e defensor do galeguismo que ocupa un espazo de centro, unha opción política na que a xente se sinte moi cómoda. O PP ten un amplo abano no que entra xente que está próxima a Ciudadanos ou ao outro partido galeguista de centro dereita.

Como son no debate os portavoces dos tres grupos con representación na Cámara galega?
Ana Pontón (BNG), Luis Álvarez (PSOE) e Pedro Puy (PP) son grandes portavoces, ideolóxicamente diferentes. Ana Pontón sabe expoñer moi ben o discurso da oposición e fai un labor interesante na formulación das súas propostas e na forma de controlar ao Goberno; Pedro Puy ten unha gran capacidade para argumentar e reflexionar sobre o que está falando. Nunca se altera e ten a linguaxe dun profesor de universidade explicándose moi ben ao conxunto da Cámara. E Luis Álvarez, que leva pouco tempo como portavoz, é un home serio, rigoroso e moi institucional. O anterior portavoz do PSOE, Gonzalo Caballero, como profesor de economía defendíase moi ben e sentíase moi cómodo no debate sobre os asuntos dese ámbito.

"A falta de relevo xeracional de médicos é o problema a resolver"

Desde a experiencia que ten acumulada na xestión hospitalaria, cal pensa que pode ser a fórmula que debería aplicarse para superar a crise sanitaria a nivel estatal?
Na súa concepción, o noso sistema sanitario —universal e gratuíto— é exemplar. Vivín o nacemento do Sistema Nacional de Saúde, impulsado por Ernest Lluch (ministro de Sanidade entre 1982 e 1986, que promoveu a Lei Xeral de Sanidade de 1986 coa que se descentralizaron os servizos sanitarios nas comunidades autónomas), que tomou como referencia o modelo inglés que ten a bondade de aglutinar recursos sanitarios públicos e tamén privados complementarios do sistema. O problema é que durante moitos anos nas facultades de Medicina implantouse un modelo de numerus clausus que limitaba o acceso de estudantes. As revistas falaban hai uns 25 anos do exceso de médicos en España (máis de 20.000 en paro) que derivou na marcha de moitos facultativos a outros países. Isto fai que pouco a pouco nos esteamos quedando sen relevo xeracional.

Tamén afecta ese problema aos profesionais da Medicina Familiar e Comunitaria?
Tamén. Son médicos moi ben formados que empezaron a facer un traballo similar ao que se podía desenvolver dentro dos servizos hospitalarios. Paralelamente, Medicina Interna foi despregando un montón de especialidades como Neumoloxía, Cardioloxía e Nefroloxía, con un número de internistas pequeno, unha cifra tamén reducida de médicos de Medicina Familiar, poucos alumnos saíndo da facultade de Medicina e escasa oferta de prazas MIR para formar especialistas. Todo isto hai que falalo no Consello Interterritorial de Saúde e primar unha necesidade que estamos tendo a nivel de recursos humanos, mentres que en recursos técnicos estamos marabillosamente ben.

A lingua galega ten un importante peso institucional: todos os membros do Parlamento falan o idioma materno

Que opina sobre a posibilidade de botar man dos médicos xubilados?
Estou de acordo coas medidas expostas polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, de que médicos xubilados que están en perfecta forma física e psíquica poidan seguir traballando para o sistema a través dun plus, pero garantindo a súa pensión. Paréceme unha medida acertada e positiva. Tamén é necesario liberar aos facultativos do esforzo das tarefas burocráticas buscando a colaboración dos farmacéuticos.

"Rueda deixa aflorar a súa parte humana ante a sociedade"

Como definiría o estilo Rueda?
En canto a debate parlamentario, os xestos e a forma de comunicar, hai unha certa diferenza entre Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feijóo, pero iso forma parte da esencia de cada persoa. O ‘estilo Rueda’ definiríao como o dun home cunha gran capacidade de traballo que acaba de ser elixido presidente da Xunta e que, aínda que viña de ser vicepresidente do Goberno galego, está mostrándose abertamente á sociedade. Está facendo un esforzo enorme para dicirlle aos galegos e ás galegas: ‘Eu son o voso presidente, coas miñas virtudes e os meus defectos, pero debedes coñecerme e saber quen son’. Está aflorando a parte humana e de coñecemento dun home que ten moi estudado todo o que ten que ver coa xestión porque leva moitos anos no Consello da Xunta e coñece perfectamente o camiño polo que deben ir os temas sobre os que ten competencia o Goberno galego.

Como é Rueda no debate?
É un home cordial e sumamente respectuoso. Ten moitos anos de entrenamento no debate e nunca entra na descalificación senón que responde cos seus argumentos e ao seu estilo.

Como foi a evolución dos debates nestes últimos 25 anos que leva vostede no Parlamento autonómico?
Foron formas distintas de debater. Antes o debate era máis barroco, adornado, florido e con moitas voltas. Hoxe o debate segue sendo igual de respectuoso, profundo e rico pero cambiou a forma de expresalo; é moito máis directo e non se perde o tempo en adornalo. Afortunadamente, son poucas as veces que teño que reconducir o debate, e cando teño que facelo conto coa colaboración dos deputados. Hai certa empatía entre os deputados e a Presidencia do Parlamento. Non teño a sensación de que sexamos un Parlamento crispante, nin moito menos. Non xeramos noticias como nas Cámaras doutras comunidades autónomas e que se poden ver en vídeos curtos nas redes sociais. Levo moito tempo sen ter que chamar á orde a unha persoa.

Lembra moitas anécdotas?
Como teño unha gran memoria vou plasmar as miñas experiencias nun libro. No confinamento pola pandemia pensei que despois de levar tanto tempo na xestión sanitaria e no Parlamento era o momento de reseñar as miñas vivencias, e xa levo escritas 390. Publicareinas cando remate a miña etapa política. Non hai pleno no que non saque unha anécdota.

Pode adiantar algunha delas?
Por exemplo, cando era director do Hospital Psquiátrico de Toén, en Ourense, non ía ningún familiar visitar os pacientes. Pensei nunha forma de que foran velos: a creación da Festa do Enfermo Mental, na que actuou Ana Kiro. Ademais, como os pacientes eran moi relixiosos na programación incluímos a celebración dunha misa á que invitei ao obispo e na que participamos arredor de 2.000 persoas. Cando chegou o momento da Consagración do Santísimo a Banda de Música de Lobios interpretou o himno de España. Entonces un enfermo levantouse e dixo: 'De pé todo Dios, que ven aí Franco’. Tamén teño reseñas sobre a política, entre elas o desastre do meu debut —no que me puxen moi nervioso— e situacións que se viviron con Xosé Manuel Beiras.

Comentarios