Milleiros de xubilados galegos esixen na rúa "pensións dignas" para "hoxe e mañá"

As mobilizacións estiveron marcadas pola desunión sindical, con convocatorias de CC OO e UXT conxuntas e da CIG por separado 

Mobilización convocada pola CIG en Pontevedra para reclamar unhas pensións dignas. OLGA FERNÁNDEZ
photo_camera Mobilización convocada pola CIG en Pontevedra. OLGA FERNÁNDEZ

Milleiros de persoas desafiaron á choiva en Galicia e clamaron por "pensións dignas" para "hoxe e mañá" nas preto de 40 protestas que se celebraron este domingo nas cidades e localidades galegas, convocadas por UXT e CC OO de forma conxunta e, por separado, pola CIG que fixo un chamamento á folga xeral. Nas distintas protestas, reproduciuse a denuncia pola situación das pensións galegas, entre as máis baixas do Estado. 

Desde CC OO, o secretario xeral en Galicia, Ramón Sarmiento, que participou na protesta en Vigo, reclamou que "finalice a campaña de cuestionamento da viabilidade do sistema público de pensións", porque "son fundamentais, as de hoxe, mañá e pasado", fixando o obxectivo do sindicato en que se abran negociacións para alcanzar un acordo que "asegure non só aos actuais pensionistas, senón aos do futuro". 

CC OO puxo tamén o foco na situación galega, coas "pensións máis baixas porque tamén se teñen os salarios máis baixos" e criticou que, tras a reforma laboral, incrementáronse as taxas de temporalidade e os contratos a xornada parcial, fundamentalmente para as mulleres. 

Desde UXT, Antonio Queiro, portavoz da Unión de xubilados e pensionistas en Compostela-Barbanza, arremeteu contra as "mentiras do Goberno", que "di" que incrementa "un 3 ou un 1, pero que o único real é o 0'25% cando o IPC sobe 3 ou até 4 puntos". "O goberno o único que trata é de enganarnos con números falsos, e pornos a uns contra os outros", pero, engadiu, "seguirase ata que se canse ou haxa un cambio de políticos". 

UXT lembrou que na actualidade en Galicia a pensión media non supera os 788'49 euros —918 euros no Estado— e que o 64% das pensións galegas, o 50% no caso das estatais, non chegan ao Salario Mínimo.

A CIG INSTA Á FOLGA XERAL. A CIG marchou tras parcartas nas que clamaba En defensa das pensións e o emprego, folga xeral. Nesta liña, Pepe Maio, secretario comarcal en Compostela, fixo un chamamento á convocatoria dunha folga xeral en defensa do sistema público galego, e para continuar "coa dinámica de mobilización e loita sostida no tempo en defensa do sistema público de pensións", facendo fincapé nas últimas reformas laborais, porque "a calidade do emprego e os salarios repercuten na viabilidade do sistema público de pensións". 

Tras alertar de que Galicia é a comunidade autónoma que ocupa "o último posto no ranking das pensións de todo o Estado", criticou as "políticas centralistas" por xerar esta desigualdade ao non ter en conta as peculiaridades galegas.

DIVISIÓN SINDICAL. As protestas estiveron marcadas pola desunión sindical, o que xerou que nalgúns lugares, como en Santiago, case chegaran a atoparse no mesmo lugar. 

O responsable comarcal de CC OO, Carlos Prado, lamentou a falta de unión e advertiu das súas posibles consecuencias. "A min dóeme moitísimo a división nos movementos, dóeme que no canto de sumar estamos a restar e separando, aínda que o movemento está aí", manifestou.

PRESENZA POLÍTICA. Na mobilización de Vigo —cidade na que se celebraron as protestas máis multituidarias— participou o portavoz de En Marea, Luís Villares, que estivo presente nas dúas protestas convocadas. Defendeu a "reivindicación lexítima de chegar con dignidade a final de mes", criticando a "ridícula subida do 0,25%". "A xente, despois dunha vida de traballo, ten dereito a chegar con dignidade a fin de mes", engadiu. 

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, tamén presente na mobilización de CC OO e UXT en Vigo, lembrou que "unhas pensións dignas é unha prioridade para os socialistas". "É preciso facer rectificar ao goberno da dereita que non quere garantir por lei o aumento das pensións co aumento do IPC, o nivel de vida, no conxunto do Estado", agregou. 

Pola súa banda, a deputada do BNG Olalla Rodil, que participou na protesta da CIG en Lugo, reivindicou o traballo da súa formación por "recuperar as condicións de traballo que son o motivo polo que está en cuestión o sistema público de pensión, non só o incremento nas pensións do IPC, condición sine qua non é a derrogación das reformas laborais, do PP e do PSOE". 

Comentarios