Minas, o conflito que se agocha baixo os nosos pés

Da Prehistoria ás Encrobas, do ouro romano ao de Corcoesto ou do wolframio militar ao cobre de Touro, a minaría en Galicia evolucionou sempre da man da polémica ► O sector, con máis de 200 empresas e 10.000 empregos, ten paralizados un cento de proxectos por dúas razóns: o exceso de burocracia e a oposición social
Valdeorras alberga a maior mina do mundo de pizarra. AGN
photo_camera Valdeorras alberga a maior mina do mundo de pizarra. AGN

Non está documentado se cando os primeiros poboadores empezaron a buscar pedras para facer ferramentas había ou non leas, pero é de supoñer que si. Porque se a minaría é case tan antiga como a humanidade, tamén o son os conflitos ligados a ela. En Galicia, os romanos secaron o Sil para sacar ouro en Montefurado e hoxe estamos en plena loita pola mina de cobre de Pino-O Touro. Pasaron 2.000 anos e cambiaron as formas, pero non o fondo dun debate que encheu páxinas da nosa historia. Da igual que fora hai 100 anos na mina do Freixo que hai 50 nas Encrobas ou como quen di antonte mesmo en Corcoesto. Para a minaría parece máis doado abrandar as rochas que a opinión pública. Quizais porque a ninguén lle gusta que lle movan baixo os pés o terreo que pisa.

1. A minaría actual en Galicia


A Estadística Minera do ministerio de 2019 —a última oficial— contabiliza 211 explotacións en Galicia: 107 canteiras —áridos e caolín—, 91 de rochas ornamentais —pizarra e granito—, 12 de minerais industriais e 1 de metal. Dos 28.000 empregos directos no país a comunidade suma uns 4.000 (11,9%), que serían 10.000 sumando os indirectos. E achega máis de 260 millóns (7,8%) do valor total da produción estatal, cunha facturación duns 600 millóns anuais, o que supón máis do 1,2% do PIB galego. Convén destacar que a maioría das empresas son pemes galegas, xa que a presenza de grandes multinacionais aquí é apenas testemuñal.

A modo de resumo, Galicia é a cuarta potencia mineira por detrás de Andalucía, Cataluña e Castela e León. Por provincias, Ourense é a máis destacada en emprego e valor mineiro, seguida de Lugo.

2. Unha evolución minguante


Na comparativa con só cinco anos atrás detéctase unha tendencia á contracción do sector. En 2015, en base a datos da Cámara Oficial Minera de Galicia, había 287 explotacións polas 211 de 2019. E os empregos directos eran 4.629 fronte aos 4.000 actuais. E o sector xa viña dunha década moi dura, xa que a fin do carbón en 2007 en As Pontes e Meirama e a crise do ladrillo nesa mesma época —que se cebou especialmente cos áridos— deixou moi tocadas ou afundidas ducias de explotacións.

Se o contexto xa non era doado, a presión social sobre a actividade mineira foi medrando pouco a pouco, de forma paralela ao peso que foi gañando o ecoloxismo, unha potente corrente social e política que acabou por influír nos poderes públicos. En 2011 abriuse o último concurso mineiro en Galicia e hoxe hai empresas que se queixan de que agonizan por falla de permisos para poder ampliar ou abrir novas explotacións.

3. O problema administrativo


A minaría galega enfróntase hoxe a dous grandes problemas: o burocrático e o social. No primeiro caso, ten o compoñente singular galego desa falta de novos concursos mineiros. Houbo contactos co sector e recentemente mudou a secretaría xeral responsable das minas, pero tampouco hai un compromiso específico nin datas para abrir novas explotacións.

"O Goberno galego está facendo unha firme aposta polo desenvolvemento sustentable en Galicia da minaría, que ten un gran potencial tanto no seu papel de xerador de emprego como na captación de investimentos", aseguran no departamento de Francisco Conde. Insisten en que "calquera iniciativa mineira que se leve a cabo en Galicia deberá partir sempre dun modelo sostible e respectuoso, baseado na protección do medio ambiente, o desenvolvemento do rural e o aproveitamento racional e eficiente dos recursos naturais".

En base a esta filosofía, a Xunta non autorizou os dous últimos grandes macroproxectos mineiros galegos, o da reapertura da mina de cobre de Touro-O Pino e o da explotación de ouro en Corcoesto. Este último tiña cifras que asustaban: sacar 30 toneladas de metal en dez anos que suporían 15.000 millóns de euros, unha auténtica revolución económica equivalente a unha granxa con 50.000 vacas e "que ben merecía a pena ter sido debatido na mesa do Consello da Xunta e non só nos bares", lamentan desde o sector. Porén, primou o ambiental e o proxecto de Bergantiños acabou no caixón. Polo de agora, "porque o ouro segue aí e alguén o sacará. Sexa hoxe ou dentro de cen anos", avisan.

O segundo problema adminstrativo da minaría é xa unha cuestión máis nacional que galega: España é o país europeo con máis lexislación para a actividad extractiva, o que fai que moitos proxectos naufraguen entre papeis e despachos. O sector asegura que en Galicia hai alomenos un cento de iniciativas mineiras, "a maioría ampliacións de canteiras", pendentes da burocracia para botar a andar e xerar emprego.

4. O conflito social


Con cada anuncio dunha nova explotación xorde unha plataforma social antimina. A de hoxe é unha loita distinta á de hai décadas nas formas, pero mantense igual no fondo: a esencia é que unha parte da xente non quere máis cicatrices no territorio. A chamada sociedade civil, ben organizada, co poder mediático das redes sociais e o apoio político dalgúns partidos foi quen de parar proxectos como Corcoesto ou Touro coa mesma argumentación: a falla de garantías ambientais dos proxectos.

O sector insiste en que o debate social que se dá está manipulado e interesado, porque en Galicia non existe unha macrominaría xa que a inmensa maioría das 200 explotacións son canteiras de áridos en mans de pemes galegas. Lembran que a minaría galega ocupa só o 1,4% do territorio e que a maior mina, a das Pontes, ocupaba 9 quilómetros cadrados, mentres que a de Touro apenas tiña 0,6, fronte aos "verdadeiros proxectos de macrominaría" doutros países, con explotacións medias de 40 ou 50 quilómetros cadrados.

Esta fenda ten difícil solución, como ocorre co debate dos eólicos, da gandeiría intensiva, da pesca industrial, de internet... E no fondo é un debate máis filosófico, ético ou moral que económico: necesitamos moitas cousas pero cústanos pagar a peaxe por telas.

5. Realidade mineira e futuro


No medio dese complexo equilibrio se move a minaría. As súas materias primas son fundamentais, desde as máis básicas como a area, a grava ou a zahorra ata os metais máis complexos ou as cobizadas terras raras. O sector eólico precisa cobre, os paneis solares cuarzo e silicio, os coches eléctricos litio para as baterías, as novas tecnoloxías coltán, a nuclear uranio... A realidade é que a sociedade, no canto de ir ao revés, evoluciona cara a unha maior dependencia desas materias primas; sobre todo daquelas que máis escasean. Moitas delas agóchanse no solo galego e hai que decidir se se sacan ou non; iso sí, sabendo que será imposible facelo sen cicatrices. No terreo e na sociedade.

_LBB9292

Lousa: a maior mina do planeta


Valdeorras alberga a maior mina do mundo de pizarra, material no que Galicia é líder internacional. A lousa agrupa a máis de 50 empresas con 2.500 empregados.

Áridos: a materia prima global


Os áridos, areas e gravas son vitais para a industria e a construción e a segunda materia prima máis consumida do mundo logo da agua. A Limia é a gran reserva.

Cerámica: a base de ladrillo e tella


Aínda que o caolín e o feldespato se empregan para a cerámica, a principal materia prima é a arxila, abondosa en Galicia e básica no ladrillo, a tella, plaqueta, o gres...

Granito: o rei dos solos de Galicia


O 37% do solo galego é granito, lo que nos converte en punteiros no sector, con máis de cen canteras e uns 400 millóns de negocio anual. O Porriño é a súa meca.

Minerais industriais: cara ao futuro


Magnesita para solos, turba para agricultura, cuarzo para paneis solares, litio para baterías... Galicia conta con moitos recursos dos chamados materiais do futuro.

Auga mineral: consumo e lecer


A auga mineral tamén é un recurso mineiro, tanto na súa variedade de consumo (10 plantas e 300 empregos) como na do lecer ou a sanitaria a través dos balnearios.

Resultados Cabreiroá 2017 2

Comentarios