Morir apalstado, una lacra del rural

Como unha sangría que non cesa, os tractores continúan levando vidas en Galicia a un ritmo de arredor de 15 vítimas anuais. No que vai de 2013 os accidentes mortais con estes vehículos como protagonistas xa alcanzaron esa cifra —segundo os casos que trascenderon aos medios–, sobre todo despois dun verán negro que deixou 8 mortos na comunidade. E é que nesta época do ano é na que se concentra o maior número de actividades agrícolas.

Ademais dos falecidos, tamén cómpre resaltar un importante número de feridos de gravidade ou de diversa consideración, ademais de incidentes menores dos que non se chega a dar parte aos servizos de emerxencia.


O caso típico
O maior número deste tipo de accidentes prodúcese por envorcamento. A situación habitual adoita contempla un escenario de complicada orografía, cun protagonista xa adentrado en anos e un tractor desfasado que carece de medidas de seguridade modernas. O vehículo envorca e acaba esmagando o condutor. 

Lugo é a provincia que máis mortes rexistrou este ano, con 6. Todas elas foron en zonas de montaña, con pendentes pronunciadas: A Fonsagrada, Pedrafita, O Incio, Cervantes, Samos e Sarria.

E coincide tamén en zonas do rural máis empobrecido, onde a renovación da maquinaria vai paseniño. ¿Que significa isto? Que boa parte dos tractores son antigos e non incorporan as barras antienvorcado que si traen de serie os novos. Con datos na man: en 2012 mercáronse 723 tractores en Galicia, cando hai un total de 156.717 unidades censadas, das que se estima que só 132.000 están en uso. Iso significa que só se renovaría un 0,54% dos vehículos de emprego habitual.

Estes datos do Ministerio de Agricultura van na liña dos que manexan os sindicatos. Segundo eles, un terzo dos vehículos agrícolas da comunidade teñen máis de 20 anos de antigüidade, unha porcentaxe que se eleva ata case o 40% no caso dos tractores.

Unha cuestión de idade
Se a agreste xeografía e as condicións tecnolóxicas non axudan, o envellecemento da poboación rural aínda complica máis a redución desta lacra.

A emigración da xente nova cara ás cidades deixou as tarefas do campo en mans das persoas maiores. A isto únese certa sensación de inmunidade ao paso do tempo entre a xente do campo. Pensan que poden seguir realizando as mesmas actividades malia as complicacións de saúde propias da idade. E estes dous factores combinados deixan un dato revelador: a media de idade das 15 vítimas mortais de 2013 é de 64,6 anos. De feito, só dous dos falecidos en accidentes de tractor tiñan menos de 50 anos e ata seis superaban os 70.

Comentarios