O falecemento dunha muller eleva a 602 as vítimas mortais do coronavirus en Galicia

photo_camera Hospital do Barbanza. EP

O número de falecidos en Galicia con coronavirus elevouse este venres a 602 —470 en atención hospitalaria e 132 dentro das residencias de maiores—, trala morte dunha muller de 96 anos no Hospital do Barbanza

O falecemento desta paciente que presentaba patoloxías previas, e do que informaron fontes da Consellería de Sanidade, prodúcese despois de que a xornada do xoves os hospitais galegos non comunicasen ningunha morte con coronavirus. 

Con este último caso notificado, o número de falecementos rexistrados en atención hospitalaria sobe a 470. Deses, 126 corresponden á área sanitaria da Coruña, 100 á de Ourense, 91 á de Vigo, 81 á de Santiago, 30 á de Ferrol, 26 á de Lugo —dous deles en atención domiciliaria— e 16 en hospitais da área de Pontevedra. 

A estas defuncións hai que sumar as 132 rexistradas ata agora dentro das residencias de maiores, aínda que este venres —e por oitavo día consecutivo— non se comunicaron falecementos por Covid-19 nas residencias. Con todo, no rexistro de falecidos en atención hospitalaria están incluídas 137 persoas que estaban vinculadas con residenciais e morreron nas integradas ou en hospitais. Así as cousas, os finados ligados con centros residenciais son en total 269, case o 45% de todas as vítimas mortais do coronavirus en Galicia.

O Servizo Galego de Saúde ten a disposición da cidadanía a páxina web coronavirus.sergas.gal, na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e outros colectivos. 

A Consellería de Sanidade recomenda que a cidadanía empregue o número de teléfono 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus. 

Ademais, incide nas medidas de autoprotección e hixiene para intentar deter os contaxios, como o lavado frecuente de mans. Tamén hai que cubrirse o nariz e a boca cun pano —preferiblemente dun só uso— ao tusir ou esbirrar. Se non se dispón de pano, débese facer na cara interna do cóbado. É preciso, ademais, evitar tocarse os ollos, o nariz e a boca coas mans.

Comentarios