lunes. 16.09.2019 |
El tiempo
lunes. 16.09.2019
El tiempo

MycoGalicia Plantae impulsa a xornada 'A outra cara do monte'

MycoGalicia De esq. a drta Hugo Fernández, María Cabaleiro, Andrés Cordeiro e Paula Estévez. EP
MycoGalicia De esq. a drta Hugo Fernández, María Cabaleiro, Andrés Cordeiro e Paula Estévez. EP
A EBT da Universidade de Vigo busca coa actividade avanzar no usos forestais sostibles

MycoGalicia Plantae (www.mycogalicia.es), socia do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia (www.bioga.org) e EBT (Empresa de Base Tecnolóxica) da Universidade de Vigo (www.uvigo.gal), organiza e promove as xornadas A outra cara do monte, unha cita cos actores e protagonistas do sector forestal galego que pretende avanzar nos “aproveitamentos alternativos” do bosque galego. A cita será os próximos días 18 e 19 de setembro de 2019 na Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo.

MycoGalicia Plantae, con sede na cidade de Vigo e catalogada como Iniciativa Empresarial de Base Tecnolóxica (IEBT) pola Administración autonómica de Galicia, é unha empresa que asesora e potencia o desenvolvemento dos usos forestais alternativos e sostibles a través de técnicas innovadoras e respectuosas co medio ambiente e potenciando ao mesmo tempo o desenvolvemento rural.

“Coas xornadas A outra cara do monte queremos demostrar que o bosque galego é un activo fundamental no desenvolvemento do campo galego e que pode xerar postos de traballo arredor de proxectos innovadores e viables como pode ser o aproveitamento do recurso micolóxico", asegura María Cabaleiro, unha das co-fundadoras e executivas de MycoGalicia Plantae.

Pola súa banda, Andrés Cordeiro, tamén socio cofundador da empresa promotora das xornadas, destaca que a cita pretende ser un referente no deseño do futuro estratéxico do monte en Galicia.

“Cremos que valores como o respecto medioambiental, a sustentabilidade, a cooperación co desenvolvemento rural, a innovación ou o compromiso son fundamentais para construír a Galicia rural do futuro, que a ben seguro xirará arredor do monte e a súa explotación racional”. Na súa opinión, “no monte galego está a nosa identidade, polo que é necesario prestarlle atención, e dedicarlle tamén moitos recursos que permitan buscar, ao mesmo tempo, aproveitamentos alternativos que esperten o atractivo dos nosos bosques”.

XORNADAS. Entre os poñentes que acudirán ás xornadas están Juan Picos, do Grupo de Investigación en Enxeñería Agroforestal da Universidade de Vigo, que falará da situación actual do monte galego e do sector forestal; Damián Copena, do Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica, Agroecoloxía e Historia da Universidade de Vigo, que abordará as posibilidades de desenvolvemento e aproveitamentos multifuncionais do monte galego; Iria Villar, do Grupo de Investigación Bioloxía Ambiental da UVigo, que tratará a compostaxe como ferramenta para dar unha saída ao residuo verde; e Serafín González Prieto, do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia, que falará sobre Galicia e o lume.

Como entidades tamén participan o Concello de Allariz, a Comunidade de Montes de Teis, a Sociedade Cooperativa Galega Amarelante, a Mancomunidade de Montes de Vigo, a Comunidade de Montes en Man Común do Couso e a Sociedade Galega de Historia Natural. Os seus representantes darán a súa visión e contarán ás súas experiencias arredor da xestión do monte en Galicia.

Tamén está prevista unha saída de campo polo monte da Comunidade de Montes de Couso e un workshop sobre aproveitamentos alternativos, dirixido a potenciar e integrar as ideas dos asistentes nun proxecto común.

MycoGalicia Plantae impulsa a xornada 'A outra cara do monte'
Comentarios