Nace o colectivo Xornalistas Galegas para achegar a perspectiva feminista á profesión

O colectivo, que conta co apoio dunhas 200 profesionais, realizará a súa presentación oficial á volta do verán 

O colectivo Xornalistas Galegas despois do encontro constituínte en Compostela. DP
photo_camera O colectivo Xornalistas Galegas despois do encontro constituínte en Compostela. CEDIDA

O colectivo Xornalistas Galegas arrancou este sábado na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela despois de celebrar a asemblea constituínte e elaborar un manifesto fundacional. No documento, resumen os principais obxetivos que se marcan coa fin de integrar a perspectiva feminista no xornalismo e defender ás mulleres de todos os ámbitos das ciencias da comunicación. 

FOLGA FEMINISTA. A reunión deste sábado, de carácter fundacional, prodúcese despois doutros dous encontros realizados a propósito do 8 de marzo, cando as mulleres xornalistas participaron do movemento e da folga feministas cun éxito que describen como "masivo". Deste xeito, o colectivo constitúese coa participación directa de máis de 40 mulleres e co apoio de case 200 profesionais da comunicación. 

MANIFESTO. O manifesto, baixo o título Por un xornalismo feminista, estará dispoñible na rede para a adhesión das mulleres pertencentes ao colectivo. No texto fan fincapé na necesidade dun "xornalismo colectivo e solidario que aúne forzas para o ben común". Instan tamén a aproveitar a profesión para crear unha "corrente de opinión masiva que esixa un xornalismo implicado co feminismo e a igualdade real" ao mesmo tempo que lembran que, como mulleres, padecen o machismo "do mesmo xeito que todas as nosas iguais". 

Por último, as Xornalistas Galegas anuncian para a volta do verán a presentación do colectivo nun acto público no que presentarán accións e iniciativas. 
 

Comentarios