Noriega entende que Beiras se autoexclúa do debate interno

"Non só o entendo, senón que o comparto", dixo o alcalde de Santiago

Martiño Noriega Sánchez (A Coruña, 1975). PEPE FERRÍN
photo_camera Martiño Noriega Sánchez (A Coruña, 1975). PEPE FERRÍN

O alcalde de Santiago e un dos referentes de En Marea, Martiño Noriega, dixo este venres que entende que o histórico político nacionalista, Xosé Manuel Beiras, se "autoexclúa" do debate interno da formación. "Non só o entendo, senón que o comparto", dixo Noriega en rolda de prensa ao ser consultado pola postura neutral do veterano nacionalista, que mesmo pediu publicamente a través de Twitter que "ningunha candidatura" empregara a súa imaxe.

"Todo o que faga Xosé Manuel Beiras valóroo moi positivamente", considerou o rexedor que entende que toma esta decisión "pensando no día de despois" da renovación do Consello das Mareas para tentar "preservar" un espazo en construción.

Con todo, apuntou que cada un faino da maneira que entende" de forma que mentres "algúns o facemos tomando partido pero non sendo destrutivos", outros "que teñen un peso específico adoptan unha posición de neutralidade para preservar o proceso en construción do día despois do proceso interno"

Este feito tamén foi posto en valor polo actual portavoz de En Marea, Luís Villares, que nunha entrevista con Efe remarcou que a posición de Beiras "prudente e neutral neste momento, debe ser encomiada". xa que demostra "gran sabedoría".

Unha posición pola que non optaron os alcaldes que publicamente arroupan a candidatura de Bruzos co que se demostra, por exemplo, unha diferenza de talante entre Beiras e o rexedor de Santiago: "Martiño non é Beiras", subliña.

Comentarios