Noriega propón renovar a dirección de En Marea

Medra a presión sobre Villares: Ferreiro di que as cousas "non están a ir ben" e cualifica a proposta como "benintencionada" ► Suárez estaba ao tanto da proposta pero non se pronuncia

Villares e Noriega sobre o logo de En Marea
photo_camera Villares e Noriega, sobre o logo de En Marea.

Compostela Aberta, a formación que lidera Martiño Noriega -alcalde de Santiago-, propón renovar a dirección de En Marea, que encabeza o portavoz parlamentario e político da formación, Luís Villares, e crear unha nova mesa para a confluencia. 

A menos dun ano das eleccións municipais, e despois da brecha aberta entre as candidaturas municipalistas que gobernan -Ferrol, A Coruña e Santiago-, ademais de boa parte dos integrantes do máximo órgano de dirección entre asembleas; Compostela Aberta propón "relanzar" o proxecto, segundo o documento que presentará á súa asemblea local este mércores, e ao que tivo acceso Europa Press. 

Todo, despois de que xa se deu a circunstancia de que en Ferrol hai dúas candidaturas de denominada confluencia: Ferrol en Común, que lidera o actual alcalde, Jorge Suárez; e Marea de Ferrol, que son herdeiros de Marea Ártabra e que contou con varios apoios dentro do Consello das Mareas de afíns á dirección que ostenta a maioría neste momento. 

Precisamente, esta situación xa dividiu aos referentes de En Marea. Así, voces como Yolanda Díaz ou Xosé Manuel Beiras saíron en defensa de Jorge Suárez, mentres que afíns a Villares apoian a Esther Leira, que foi expulsada do goberno local e que é unha das fundadoras de Marea de Ferrol. 

PROPOSTA DE COMPOSTELA ABERTA. A proposta que fai Compostela Aberta, que se ofrece como "mediadora", segundo as fontes da formación consultadas por Europa Press, pasa por que se "constitúa unha mesa de confluencia", na que, como mínimo, participen os partidos políticos participantes na primeira coalición, incluídas o tres mareas que gobernan e participen no espazo político. 

Partindo desta situación, solicita que se anticipe "a nova elección" do Consello das Mareas, que lidera Villares, e se convoque a súa renovación "no mes de setembro", coa fin de "evitar a precampaña electoral" como órgano de dirección política e de coordinación de espazo político. 

A proposta que debaterá a asemblea tamén pretende que Compostela Aberta "impulse as iniciativas políticas que teñan por obxecto conseguir os dous puntos anteriores e relanzar a unidade popular". 

"DISCUSIÓN BENINTENCIONADA". O alcalde da Coruña e líder da Marea Atlántica, Xulio Ferreiro, cualificou de "discusión benintencionada" a proposta de Compostela Aberta, que aposta por renovar a dirección de En Marea, que encabeza o portavoz parlamentario e político da formación, Luís Villares, e crear unha nova mesa para a confluencia. 

"Nestes momentos é unha discusión interna de Compostela Aberta e imos ver como resulta", asegurou Ferreiro ao ser preguntado polos xornalistas sobre o documento.

SUÁREZ EVITA PRONUNCIARSE. O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, recoñeceu este martes "ter coñecemento da proposta de Compostela Aberta", a formación liderada polo seu homólogo de Santiago, Martiño Noriega, para renovar a dirección de En Marea, que encabeza o portavoz parlamentario, Luís Villares, aínda que o rexedor de Ferrol en Común evitou aclarar a súa postura sobre esta iniciativa para lograr unha nova mesa para a confluencia. 

O rexedor ferrolán remitiuse ás súas palabras destes últimos días, nas cales insistiu en que Ferrol en Común "é algo máis que unha agrupación de partidos, onde hai moitas persoas inscritas a título individual". 

Comentarios