Noriega ve "desafortunado" que Villares acuse os críticos de dar un "golpe" a En Marea

O alcalde de Santiago recoñece que a imaxe que deixou o plenario do sábado "non foi a máis adecuada", pero cre positivo a "implicación" de "todas as partes" 

Martiño Noriega. JUAN CARLOS NORIEGA (EFE)
photo_camera Martiño Noriega. JUAN CARLOS NORIEGA (EFE)

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, cualificou de "especialmente desafortunadas" as declaracións que están a xurdir após o bronco plenario que En Marea celebrou o pasado sábado, no que a dirección de Luís Villares viu como o sector crítico sacaba adiante a práctica totalidade das súas propostas. Noriega respondeu desta maneira ao ser cuestionado sobre as palabras do portavoz do partido instrumental, Luís Villares, quen este luns acusou os críticos agrupados na mesa da confluencia de asestar un "golpe" a En Marea. 

"Algunhas das declaracións que estamos a ver estes días son especialmente desafortunadas, pero non vou facer nada por retroalimentar un debate que me parece estéril e autodestructivo", incidiu o rexedor compostelán e cabeza visible de Compostela Aberta, promotora da mesa da confluencia, na que participan Anova, EU, Podemos, e as mareas de Ferrol e A Coruña, entre outras. 

A continuación, celebrou a alta participación no plenario, o máis multitudinario até a data con picos de até 600 persoas. Noriega cre que, por tanto, a chamada a "corresponsabilizarse" efectuada pola mesa "deu froitos", aínda que apostilou que esta participación debe ir a máis. "As partes débense seguir responsabilizando e o que emane deste proceso (eleccións ao consello) ten que reflectir o espazo político. Outro tipo de declaracións parécenme moi desafortunadas, desacredítanse por elas mesmas", remarcou o rexedor. 

Noriega: "Se me dan a elixir entre un espazo atomizado que non disputa o goberno da Xunta ao PP, ou un disenso que corresponsabilice ás partes e relance o proxecto, quedo co segundo"

Con todo, recoñece que a foto que deixa o tenso plenario do pasado sábado, no que se produciu un agre enfrontamento verbal entre críticos e oficialistas, "non foi a máis adecuada". "Pero quérome quedar coa imaxe dun plenario no que a xente non collía. A chamada á corresponsabilidade tivo un retorno", engadiu.

DIVISIÓN INTERNA. Para Noriega, "a imaxe que se está proxectando do disenso" —en ocasións, segundo o rexedor, "póndolle altofalantes"— podería pasar factura nas eleccións municipais do próximo ano. "Non axuda, pero tampouco axuda amparar candidaturas alternativas aos gobernos das cidades, tampouco que nun plenario non haxa máis de 150 persoas e que as partes estean desactivadas", apuntou.

"Se me dan a elixir entre un espazo atomizado que non disputa o goberno da Xunta ao PP, ou un disenso que corresponsabilice ás partes e relance o proxecto, quedo co segundo", aseverou, antes de recoñecer que "preferiría que non existise ese ruído". "Hai problemas e hai desgrazas. Con certas actitudes que estou a ver estamos máis na desgraza", ha teorizado o rexedor, que non cre que "a situación" en En Marea estea "polarizada ao 50 por cento".

ELECCIÓNS AO CONSELLO. O conclave da pasada fin de semana supuxo o arranque do proceso interno que renovará o órgano de dirección do partido instrumental: o 
consello das mareas. As eleccións celebraranse a través dun modelo de candidaturas pechadas debido á disparidade de criterio entre o propio sector crítico. E é que a emenda que propuña este sistema foi presentada pola mesa, que sacou adiante todas as súas propostas no plenario con excepción desta. 

Cuestionado sobre se pasa pola súa cabeza presentarse ao órgano de dirección de En Marea, Martiño Noriega afirmou que está "absolutamente centrado" en Compostela Aberta e no "reto" de "continuar a etapa aberta nesta lexislatura".  "Temos claro que non queremos facilitar unha volta do PP. Iso consome todas as miñas enerxías a nivel persoal aínda que eu acompañe a Compostela Aberta e siga participando do espazo galego", remarcou. 

Comentarios