As notas de corte no Sistema Universitario Galego, cada vez máis altas

selectividade.jpg
photo_camera selectividade.jpg

Estudar determinadas carreiras en Galicia é cada ano un pouco máis difícil. Do total das 83 titulacións con límite de praza ofertadas polo Sistema Universitario Galego (SUG), 55 delas incrementaron a súa nota de corte fronte ao curso pasado. Únicamente se reduciron en 24 titulacións e 4 mantiveron a mesma nota.

O caso por excelencia é a Licenciatura en Medicina e Cirurxía que ten a nota de corte -a do último alumno admitido- máis alta de Galicia, chegando ao 8,68 (0,46 puntos máis que o curso anterior). As outras dúas licenciaturas coa nota máis elevada son Odontoloxía (8,41) e Comunicación Audiovisual (8,12). As tres titulacións impártense curiosamente no campus de Santiago da USC.

Outros exemplos de carreiras do campus compostelán que elevaron a súa nota de corte son Xornalismo que quedou nun 7,70 e a Diplomatura en Enfermería que subiu dende un 6,87 ata un 7,28.

Xa na Universidade de A Coruña (UDC), a Diplomatura en Fisioterapia quedou nun 7,89. Case catro décimas subiu a "carreira dobre" que permite licenciarse á vez en Dereito e Administración-Dirección de Empresas, ata situarse nun 7'43.

Na Universidade de Vigo (UVI), a nota de corte máis alta tena a Licenciatura en Tradución e Interpretación Español-Inglés cun 7,90 seguida da Diplomatura en Fisoterapia que chegou ata o 7,75.

'Números Clausus'
Malia isto, a universidade segue a ser un mundo de contrastes. Mentres moitas carreiras soben a súa esixencia, outras 72 non teñen nota de corte no curso 2007/2008, 11 máis que o ano pasado. Unha baixada significativa, agudizada nos últimos anos, pois no curso 2000/2001 un total de 130 titulacións eran 'número clausus'.

Da lista de titulacións con límite de prazas caeron este ano, a Licenciatura en Economía, en Administración e Dirección de Empresas ou Dereito na UDC, e a diplomatura de Mestre en Educación Infaltil na UVI.

Os alumnos que aparecen nas primeiras listas de admitidos da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG) teñen dende hoxe ata o venres para matricularse. A outra opción é agardar ao segundo listado - que se publicará o 24 de xullo- ou ao terceiro -30 de agosto- aínda que aquí as posibilidades de entrar nunha carreira con límite de praza quedan moi reducidas ou son case nulas.

Comentarios