O 52,2% dos cotobadeses e o 88,8% dos cerdedenses apoian o plan de fusión

O estudo de opinión de Sondaxe indica que o 70% dos enquisados estaría a favor. Os cidadáns puntúan cun 6,94 a Jorge Cubela e cun 8,85 a José Balseiros

Os concellos de Cotobade e Cerdedo fixeron públicos os resultados do estudo de opinión sobre a fusión que se realizou entre os meses de abril e maio cun total de 240 enquisas en cada un dos municipios.

O resultado do traballo asinado por Sondaxe indica que un 70% dos enquisados está a favor, aínda que con resultados dispares. En Cerdedo o 88,8% dos mesmos ve vantaxes no proceso, mentres que en Cotobade o 52,2% . Malia que o Concello de Cerdedo é o máis pequeno dos dous tanto en poboación como en orzamento, o apoio ao proceso conta cuns índices moi elevados. En Cotobade o 72,7% dos enquisados están a prol das fusións para racionalizar e reducir a Administración local e o 22% en contra, mentres que en Cerdedo as cifras soben ata o 92,4% e o 5,8%.

Este estudo tamén recolle as principais vantaxes detectadas polos enquisados ante a fusión municipal e, entre as mesmas, figuran a fortaleza do novo Concello, o coidado ambiental, a mellora da economía e a ampliación dos servizos públicos.

Na análise dos ámbitos que suporán vantaxes para os cotobadeses só dous animan a máis da metade dos veciños a apoiar a fusión: a economía (ao 52,5%) e os servizos Públicos (50,7%). O resto, gasto público, comunicacións, medio ambiente e emprego, son considerados vantaxes por menos da metade da poboboación. En contraste, tamén os que entenden que se sairá perdendo co cambio en cada unha desas materias son menos do 40%. En Cerdedo, máis do 80% dos veciños cre que sairá gañando en todas as áreas que se plantexan, en especial, no eido económico e en servizos sociais (87,5% en ambos casos).Pola contra, os que ven que haberá desvantaxes nalgunha das áreas son menos do 10%.

Os enquisados tamén valoraron o traballo dos alcaldes: Jorge Cubela sacou un 6,94 e José Balseiros un 8,85.

Comentarios