'O 60% dos parados son mulleres, e hai que incorporalas ao mercado laboral'

Ricardo Varela, conselleiro de Traballo (Pepe Ferrín, AGN)
photo_camera Ricardo Varela, conselleiro de Traballo (Pepe Ferrín, AGN)

O proceso de diálogo social en materia laboral iniciouse en Galicia en novembro de 2005, cunha declaración institucional asinada por Xunta, empresarios e sindicatos. Transcurrido máis dun ano e medio, o conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, analiza os pactos alcanzados e as repercusións que terá o ‘Acordo polo Emprego’ no mercado laboral galego.

Pregunta: ¿Que balance fai deste proceso de dialogo social?

Resposta: O balance ten que ser positivo. Acadamos algo moi importante dende o punto de vista de contido, con nove acordos e tres proxectos de carácter lexislativo. Pero o diálogo social trasladou tamén confianza, e demostrou que Administración, empresarios e sindicatos poden chegar a acordos no deseño das relacións laborais do noso país.

P: ¿Por que se priorizou a parte de emprego, fronte a outras áreas como as infraestruturas?

R: Porque tiñamos pendentes cousas que non podían esperar máis tempo, como o deseño da seguridade laboral, ou a reforma da negociación colectiva. Todo isto urxía. A Administración e os interlocutores estiveron áxiles e cun traballo intenso para sacar adiante este acordo, e grazas a iso, hoxe temos unhas zapatas moi sólidas para construir o edificio das relacións laborais en Galicia.

Acabar cos accidentes laborais
P: En 2006 rexistráronse 23 mortes no traballo menos que en 2005 pero as cifras seguen a ser preocupantes...

R: Esperamos recortar pouco a pouco os índices de sinistralidade e aproximarnos ás medias europeas, pero aínda temos un problema. O recorte do último ano prodúcenos optimismo, pero a satisfacción nesta materia nunca pode existir.

P: Un 40% destes accidentes son ‘in itinere’, é dicir, no traxecto de ida ou volta do traballo. ¿Pódense mellorar estas cifras?

R: O certo é que teñen moito que ver coa seguridade vial, e temos que facer campañas de sensiblización. Pero as medidas de seguridade que se poden implementar están máis no ámbito de administración de tráfico que na administración laboral.

Desemprego e muller no mercado laboral
P: Unha parte do paro rexistrado en Galicia explícase polas carencias na formación ocupacional. ¿Como se pode cambiar este modelo?

R: Temos que ser capaces de anticiparnos ás demandas, de formar aos parados en función desas demandas. E temos que facelo dun xeito rápido e urxente naqueles sectores e territorios que de forma inmediata presentan unha demanda de traballadores.

Había centros habituados a facer unha determinada formación e que se seguía reiterando ano tras ano con independencia de que houbese demanda no mercado. E iso non pode seguir así.

 

P: ¿Como considera a situación actual en canto á incoporación da muller ao mercado laboral?

R: Necesitamos cambios cualitativos. O 60% das persoas desempregadas son mulleres, e hai que incorporalas ao mercado laboral. Por xustiza, pero tamén porque se non somos capaces de facelo, non avanzaremos cara a ese obxectivo do pleno emprego que pretendemos en Galicia a medio prazo. Nalgúns sectores teñen unha representación do 0,5%, ou do 2%.

Relacións Laborais e convenios colectivos
P: No novo modelo de diálogo social incídese en adoptar un acordo para mellorar a negociación colectiva. ¿En que vai consistir?

R: Hai un obxectivo claro de racionalizala. En Galicia hai moitos convenios e moi pequenos, espallados. Mentres, hai sectores que non teñen convenio colectivo, e iso hai que harmonizalo. Canto máis regrada sexa a regulación dos espazos de convenio, e as representacións estean mellor definidas, máis posibilidades hai de que os acordos sexan positivos.

P: ¿Se hai moitos convenios, aposta por reducir logo o seu número?

R: En realidade, a cifra de convenios non se corresponde coa poboación activa. Hai moita fragmentación dende un punto vista sectorial e territorial, e iso é o que tratamos de corrixir. Hai que reducir e concentrar sectores, e ampliar o ámbito territorial de moitos deses convenios. Trátase dunha iniciativa pioneira, e estamos convencidos de que antes de fin de ano dará os seus froitos.

Comentarios