O acordo marco incúmprese en varios concellos

O acordo marco asinado por PSdeG e BNG estipulaba que os dous partidos pactarían alí onde puidesen acadar maioría absoluta apoiando a lista máis votada. Este punto incumpriuse en varios concellos galegos, mesmo se a alcaldía e o goberno municipal segue a estar en mans dun dos socios do bipartito.

Os casos de ruptura do pacto máis problemáticos son os de Corcubión, Muros, Porto do Son e Pontecesures.

En tres destes concellos, o PSdeG perdeu as alcaldías porque edís nacionalistas non respectaron na sesión de constitución das corporacións locais o acordo marco, algo que dende o PSdeG se valorou como un “perigoso intercambio de cromos”.

En Porto do Son a alcaldía recaeu en mans do PP grazas á abstención do BNG, mesmo se o pacto estipulaba que o PSdeG tería que ser o encargado de formar goberno. En Muros, o nacionalista Domingo Dosil consegue a alcaldía gracias ó apoio do PP, desbancando ó PSdeG.

Caso idéntico o de Corcubión, onde se evidenciaron as malas relacións entre o BNG e o PSdeG. O nacionalista Rafael Mouzo será o novo alcalde gracias o apoio de Gema Freire, a única concelleira do PP. O PSdeG, que tiñan a lista máis votada a pesar de empatar en edís cos nacionalistas, perden así a alcaldía desta vila da Costa da Morte. 

Ricardo Varela, secretario de organización do PSdeG, xulgou como “deplorable” o comportamento do BNG nestes tres concellos coruñeses e pediu “explicacións e medidas inmediatas” á dirección nacionalista.

Preguntado por se a situación pode influír na negociación pendente co BNG para gobernar nas deputacións de Lugo e A Coruña, Varela indicou que “teñen que analizar a situación”.

Pontecesures
En Pontecesures, foi a actitude de dous edís elixidos na lista do PSdeG  a que impediu que o BNG se fixera coa alcaldía. O acordo entre os dous edís socialistas, os tres do PPdeG, e a única independente fixo que o bastón de mando recaese nesta última. 

Outros incumprimentos
Asimesmo, houbo outros casos nos que PSdeG e BNG non cumpriron o acordo marcos asinado polas direccións dos dous partidos, como son os casos dos concellos lucenses de Foz, As Nogais, A Fonsagrada e Ribadeo, mesmo se a situación non afectou á composición dos gobernos locais.

En As Nogais, o PSdeG manterá a alcaldía grazas a ser a lista máis votada. BNG e PP -con dous edís cada un- pactaron apoiando o candidato nacionalista, pero os socialistas mantiveron a maioría grazas a que o edil de Terra Galega se votou a si mesmo.

Situación similar a de Foz, onde os socialistas tamén manterán a alcaldía a pesar de non contar co apoio dos tres edís nacionalistas que votaron por si mesmos. A decisión do PPdeG, con catro concelleiros, de non apoiar o candidato do BNG impediu sorpresas de última hora.

En Ribadeo, a situación foi á inversa, pois foi o PSdeG o que non respaldou ó candidato do BNG, Fernando Suárez, que obtivera catro edís nas eleccións. A alcaldía non correu perigo para os nacionalistas gracias ó apoio de dous independentes.

En A Fonsagrada, Ricardo Parada seguirá sendo alcalde a pesar de non contar co apoio dos nacionalistas que se votaron a si mesmos, ó igual que o PP -tres edís- e TEGA -un concelleiro- o que evitou sorpresa.

Comentarios