''O feito de atentar unha muller contra o réxime ía en contra do discurso do Franquismo. Preferían admitir a conflitividade''

O premio Xohana Torres de ensaio de 2011 fala este ano de loita anti-fascista, de historia e incluso de "loita de clase", como indica a propia galardoada. Araceli Freire Cedeira, natural de Arteixo, atópase no comezo dun labor de investigación da que xa se agardan achados moi importantes para a memoria de todo o país.

Así o demostra que 'O monte é noso. Conflitividade social no medio rural galego durante o Franquismo. O papel das mulleres na defensa dos montes veciñais en man común' sexa o segundo anaco da investigación que recibe un premio. Esta segunda céntrase no papel da muller, protagonista practicamente única da loita pola recuperación e recoñecemento da propiedade dos montes.

O réxime franquista tratou de usurpar estes terreos co fin de alimentar o sector da madeira, no que entrou de cheo, como indica Araceli Freire, "co impulso dos Estados Unidos". Galicia constituía un dos lugares máis importantes para a producción e transformación madeireira, mais a sociedade galega respondeu, tanto "nos montes como contra a industria da celulosa, loita que tamén está no estudo".

O Estado creou consorcios coas entidades municipais e provinciais polos que os concellos cedían terreos para que o Estado efectuase as repoboacións que eran dos veciños. "Estes consorcios estabelecian que o 60% da produtividade dos montes ía para o Ministerio e o 40% ía para as arcas municipais". Segundo indica a premiada, grazas ás "protestas, este 40% foi para aos veciños". Aínda así, isto, "non foi suficiente", pois "modificaba toda a súa forma de vida e a economía doméstica". O monte empregábase para a recollida da leña, caza, pasto de gando. "Ademais, moitos veciños eran pobres, polo que se repartían parcelas para que puidesen ter alí un lugar para os seus cultivos", recorda Freire.

O conflito
Os forestais iniciaron con maquinaria os traballos para a adaptación do monte ao uso forestal que lle ían dar. Nun principio, os afectados comezaron a loita pola vía administrativa. "Enviaron instancias a concellos, deputacións, ao Ministerio de Agricultura e incluso lle chegaron ao xefe do Estado", indica Freire, mais non atoparon resolución, así que coa chegada das máquinas dos forestais as mulleres botáronse diante delas.

"Entraban con apeiros de labranza no monte, era a súa única arma para a defensa". Araceli fala de "martelos, aixadas e paus", o único que tiñan, cos que intentaron opoñerse á continuación dos traballos, cousa que "unhas veces conseguían, mais outras veces non lograban evitar". Cando isto acontecía, tomaban a vía de ataque indirecta, como "deixar o gando pastar no monte para que o estragasen, mesmo provocar incendios de importancia para que a madeira non chegase a producir". Era tan simple como: "O monte era noso, e se non nolo daban a nós, non ía ser de ninguén", lema que Araceli Freire atribúe ás protagonistas da loita.

Finalmente foilles recoñecida a propiedade comunal dos montes. Segundo unha das hipóteses do traballo de investigación, "foi esta conflitividade a que levou á promulgación da Lei de Montes de 1968, que lles devolvía as propiedades, que eran dos veciños, a si mesmos". Era algo que xa se lles estaba recoñecendo nos tribunais, mais que o Franquismo non deu en admitir ata entón.

Movemento feminino e organizado
O feito de ser a muller quen liderou, mesmo en exclusiva, as accións ten varias explicacións. A autora da investigación apunta a que "era polo tema da represión, porque a muller era menos reprimida que o home". En Mazaricos, segundo indica Freire "a maioria da xente que interviu eran homes e foron asasinados dous, polo menos".

''As mulleres tiñan menos represión porque o feito de atentar contra o réxime ía en contra do discurso do Franquismo. Preferían calar e admitir a conflitividade". Engade que "se difundía que as mulleres non eran sumisas, leais ao réxime, e se as reprimían, contradicíase o discurso, por iso non lles lles gustaba que se soubese moito do tema.

En canto á organización entre os distintos puntos conflitivos, que se estendían "por todo o país, o que pasa é que só dispoñía desta documentación agora", estaban en certo modo interrelacionados. No seu estudo, Araceli Freire está intentando demostrar que os conflitos se daban "concentricamente", comezando no interior e estendéndose dese xeito a outros puntos. Esta teoría veríase favorecida pola intercomunicación existente entre todas as loitas do país, que se daba maioritariamente no mercado ambulante, "o denominado extraperlo".

Freire defende que os métodos de acción, primeiro por vía administrativa e despois a vía da loita, estaban organizados, "non foron movementos de tipo espontáneo". Se había un pouso político ou non xa é "difícil de saber, xa que non se coñece documentación que indique a afiliación a sindicatos ou irmandades de labradores, apenas existe esta información". A investigadora dubida se encadrar os movementos no feminismo, xa que o considera máis "un movemento de clase, no cal as mulleres eran as representantes desa clase porque eran ás que máis lles afectaría estes acontecementos.

Investigación en curso
O proxecto, que leva a cabo xunto ao profesor Eduardo Rico Boquete, que está a guiar a súa tese, combina as entrevistas persoais con testemuñas e protagonistas dos enfrontamentos.

Este estudo é, segundo indica a súa autora, "a continuación do que fixen para o Máster en Historia Contemporánea, un traballo que quixen continuar pola miña conta porque o tema me pareceu interesante e agora sigo de cara a presentar a tese".

O resultado final non chegará ata "finais de 2013 ou principios de 2014". Para entón esperan ter o mapa dos conflitos acontecidos no contexto administrativo de Galicia, así como en zonas limítrofes onde "manteñen o mesmo réxime de propiedade ca nós".

Comentarios