O Foro España-Xapón 2008 celebrarase en Santiago de Compostela

A cidade de Santiago de Compostela será a sé do Foro España-Xapón no 2008, despois de superar ás súas principais competidoras Valencia e Zaragoza.

O embaixador de Xapón en España, Motohide Yoshikawa, foi o encargado de comunicarlle ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, os resultados da reunión que ambos mantiveron o pasado 23 de xuño no Pazo de Raxoi, na que se pretendía impulsar ao máximo a candidatura galega.

O feito de que unha altísima porcentaxe dos investimentos españois no país nipón proveñan da nosa comunidade e de empresas galegas, "especialmente do sector téxtil" ou a "existencia dunha fluída relación cultural", que se basea no "irmanamento dos camiños Kumano e de Santiago", fixo que a balanza se decantase por Santiago de Compostela.

Cooperación entre España e Xapón
O Foro España-Xapón naceu alá polo ano 1997, pero a idea xurdiu catro anos antes, coa visita dos emperador de Xapón a España. Celébrase anualmente e de forma alterna nos dous países.

Entre os seus obxectivos, a través do diálogo entre persoas destacadas en diversos ámbitos dos dous países, destacan os de promocionar e fortalecer a cooperación entre España e Xapón nos terreos económico, comercial, empresarial, científico e cultural. Ao que lle sumamos entre outros a aprendizaxe dos dous idiomas.

Comentarios