?O Pasatempo, corazón indiano de Betanzos

O león que custodia o mirador superior (C.Ch. / Galiciaé)
photo_camera O león que custodia o mirador superior (C.Ch. / Galiciaé)

O Parque do Pasatempo é un complexo monumental e arquitectónico espectacular, datado de fins do século XIX e comezos do XX e que foi regalado á cidade de Betanzos polo indiano Juan García Naveira. Un século despois observa, quedamente, como o  paso dos anos o consome e o vai agochando entre as silveiras.

Este famoso 'Parque Enciclopédico' foi denominado así debido ó carácter das súas construccións, que pretendían achegar coñecementos do mundo, das súas diversas culturas e da doutrina do capital, ideoloxía que adoptara o seu mecenas na etapa como emigrado. A ruinosa realidade que envolve agora as instalacións aínda deixa entrever, de xeito mesto e escuro, moi pouco aseado, o que no seu tempo foi un dos maiores monumentos á humanidade que albergou Galicia. 
 
Nos tempos do seu apoxeo, o parque, ao longo dos seus máis de 90.000 metros cadrados, se dividía en dúas partes ben diferenciadas: os xardíns do Pasatempo, que supuñan algo máis de 80.000 metros cadrados e percorrían a traxectoria do río Mendo dende a cidade ata a zona monumental; e o Pasatempo en sí, como complexo arquitectónico, que cubría o espazo restante.

Albergaba un zoolóxico e un invernadoiro como mostrarios de especies exóticas, así como un sinfín de obras escultóricas e edificacións xeniais. O invernadoiro, ou parte del, aínda se conserva, pero en completo abandono e cheo de cactus xigantes (os únicos que poden sobrevivir á falta de coidado) que foron rompendo pouco a pouco tódalas fiestras. 
 
O parque dividíase en cinco chanzos distribuídos pola ladeira do monte. Contaba, entre as súas dependencias cun paseo pontificio con estatuas de 90 papas; unha 'Avenida dos Emperadores Romanos', decorada tamén coas pertinentes esculturas; a 'Avenida dos Álamos', con figuras de coñecidos escritores da época.

Ademáis, posuía numerosos estanques, grutas, labirintos, figuras, fontes, mosaicos, murais e demáis construccións soprendentes, ademáis da maxestuosa entrada ao propio recinto, custodiada por dous xigantes leóns de pedra, e a propia estatua dos irmáns Naveira, que hoxe ten o seu lugar no centro da vila de Betanzos, na praza que leva o seu nome e na que tamén se sitúa a fonte de Diana Cazadora.

O concelleiro de Infraestructuras do municipio, Antonio Vázquez Lorenzo, fai fincapé en que todas as figuras do parque foron elaboradoas con mármore de Carrara, ''de grande calidade'' e, á súa vez, as contruccións arquitectónicas, co tan famoso cemento Portland, que naquel momento era ''totalmente descoñecido'' e convertía o proxecto, xa que logo, en algo ''experimental e novidoso''.
 
É comprensible que se fora consumindo co mantemento do parque e o resto de construcións que a familia García Naveira levou a cabo na vila, pero o certo é que á morte do mecenas, en 1933, o pouco que quedaba da fortuna familiar non permitía o mantemento das instalacións do Pasatempo. Unha vez máis, o capitalismo que tan ben ilustraran no xardín, facendo eco de sí mesmo, levou a unha decadencia progresiva a aquela magnífica xoia construida no entreséculo.

Tamén a Guerra Civil foi un duro golpe para o Pasatempo, pois xa antes do seu remate comezou a ser ultilizado como campo de concentración para prisioneiros republicanos. Na posguerra, foi tamén utilizado como refuxio dos maquis, os fuxidos que adoitaban escapar polo monte, e durante as décadas seguintes foi deixado a mans ''dos vándalos'', segundo as autoridades. Nos anos 40 construíuse unha estrada principal que atravesaba o parque, deixando a un lado os xardíns e a outro as edificacións do Pasatempo. Esa estrada foi o emblema que poría principio á fin.

 Os herdeiros do parque víronse obrigados a vender, pouco a pouco, parte dos terreos. Consumiuse ata reducir o espazo ao dez por cento  do que tiña sido. Algúns deles, vendidos a particulares, foron primeiro cultivados, logo convertidos en casas, construccións civís do Concello... En realidade, tal e como explica Váquez Lorenzo, a venda da meirande parte dos terreros ''fíxose en dous plazos: o primeiro deles, en torno ao ano 1987, e, a segunda parte, un par de anos despois''.
 
Hoxe non conta máis que con dúas áreas moito menores, separadas pola estrada dos anos 40, unidas por unha pasarela metálica que fai as veces, tamén, de mirador. Na primeira delas podemos ver parte dos estanques e estatuas que campaban ó longo de todo o recinto de recreo. As novas construccións, notablemente máis modernas, foron levadas ao cabo unha vez os terreos pasaron a mans municipais. Tamén hai plantas exóticas, esculturas vexetais, labirintos feitos con setos... todos eles, iso sí, botando de menos a man amiga dunha poda.

Na segunda etapa, unha vez percorrida a pasarela, o antigo 'Estanque do Retiro' aparece á vista. Permanece case enteiro, central, abríndose aos visitantes como unha das xoias do parque, seguido de máis estanques, figuras e de enormes murais que, subindo pouco a pouco, van presentando os diferentes pobos que sembraron a Historia. Pese ao seu mal estado, aínda se recoñecen con facilidade: a Pirámide de Keops, o pobo sumerio, España e as súas fillas republicanas, as horas do mundo, imaxes mitolóxicas, unha cova en representación a África e, preto da entrada, case agochado nun lateral, seguro que unha das obras mestras do enclave para os irmáns indianos: a doutrina do capital plasmada nunha pequena árbore xenealóxica. 

Cando semella que o grande estanque central, consumido polas carpas e demáis plantas acuáticas, non pode dar máis de sí, ábrese unha cavidade no grande muro a través da cal entramos nunha galería de pasadizos, de escaleiras, de covas, de escuros e infinitos recunchos a través da cal subimos, chanzo a chanzo, ata saír ao exterior.

Un xigante león de pedra de preto de 5 metros de altura, quizáis irmán daqueles que durante tanto tempo gardaron a porta deste peculiar paraíso, custodia o mirador principal, ao que se accede a través das galerías. É sinxelo imaxinar dende o alto cal era a imaxe que regalaba á vista a comezos de século, cos xardíns embaixo, pero hoxe todo é ben diferente.

Comentarios