Tellado: "O PPdeG cre na renovación; deben xurdir novos liderados locais"

Miguel Tellado, secretario xeral do PPdeG, gañou unha cadeira na executiva de Rajoy no recente congreso nacional do PP. Agora o seu reto é manter engraxado o partido nun período "atípico" de dous anos e medio sen eleccións
Miguel Ángel Tellado Filgueira (Ferrol,1974), onte en Santiago.
photo_camera Miguel Ángel Tellado Filgueira (Ferrol,1974), onte en Santiago.

Secretario xeral do PPdeG, vicevoceiro parlamentario e agora con asento na executiva nacional. Parece Cospedal acumulando cargos.

Son todos perfectamente compatibles e responden a unha mesma filosofía: dedicarme ao partido. Ademais, a entrada no comité executivo nacional non a interpreto en clave persoal, porque non nomearon a Miguel Tellado, senón ao secretario xeral do PP de Galicia, que é unha forma de reco- ñecer o traballo do partido, a xesta electoral do 25-S e de estreitar vínculos coa dirección estatal.

Pero comparte a decisión de manter a Cospedal de número dous?

É unha decisión persoal do presidente, que debe escoller unha persoa a quen confiar as tarefas do día a día do partido. Calquera dos dous modelos é valido: o que houbo ata hai pouco en Galicia [con Rueda], moi similar ao actual do PP en España, ou o meu cunha dedicación máis exclusiva. O que hai que ter en conta é que nos enfrontamos a unha circunstancia atípica con dous anos e medio por diante sen eleccións, que son moitas veces as que engraxan os partidos. Así que o gran reto neste tempo é manter viva a actividade, que alguén se dedique ao partido para que non pase a un segundo plano.

Véxoo moi convencido de que non haberá eleccións.

Desexo que non as haxa. Se tiveramos que ir a elas porque non hai unha maioría suficiente para aprobar os orzamentos xerais sería malo para España e un fracaso colectivo. Se o PSOE foi sensible á necesidade de chegar a un acordo para permitir a investidura de Rajoy agora debe selo tamén para aprobar unhas contas que permitan a España seguir avanzando; o contrario sería irresponsable.

O PPdeG anda centrado xa nas municipais de 2019 e haberá congresos locais inminentes na Coruña e Lugo. Sarián deles os candidatos?

Non, porque os congresos son mecanismos para renovar estruturas, elixir o novo presidente local e o comité executivo, pero a selección de candidatos é un proceso aparte. Iso si, queremos facelo coa antelación suficiente para que a cidadanía poida coñecelos e eles ou elas poidan traballar e elaborar os seus equipos, programas e proxectos.

Se fala de que teñen que darse a coñecer podemos intuir que haberá algúns cambios de caras, non?

Nós vivimos un proceso de renovación que deu resultados. Cambiamos tres das catro direccións provinciais e renovouse o equipo autonómico. Cremos na renovación e a nivel local deben xurdir liderados novos. Os congresos son unha oportunidade para abrir o partido e integrar xente nova e representantes da sociedade civil.

Eleccións municipais: "É importante que alguén se dedique ao partido para que nestes anos sen ir ás urnas non pase a un segundo plano"

Que botín é máis suculento para o PP: recuperar Vigo ou arrebatarlle as tres cidadades ás mareas?

No PPdeG aspiramos a todo e temos tempo por diante para traballar e recuperar as alcaldías que perdemos. Non podemos antepo- ñer unha cidade por riba da outra nin me atrevo a dicir que disfrutaríamos máis [ri]. 


Hai que interpretar o feito de deixar cinco conselleiros con acta no Hórreo en clave municipal?

Dous anos e medio en política é un mundo así que creo que a análise non debe ir por interpretar o que pode pasar nese tempo.

Di que o PPdeG saíu reforzado do congreso de Madrid. Por que?

Feijóo é un líder de referencia e cando fala, o partido escoita, como cando fixou posturas sobre demografía e financiamento na conferencia de presidentes. Somos a única comunidade que conserva a maioría absoluta, un referente de como facer política a nivel de rúa, moi cerca da xente e escoitando o cambio social que se produce arredor. No PPdeG non damos nada por feito e cando nos equivocamos, rectificamos, esa é a clave. No congreso gañamos peso, porque somos un máis no comité executivo e dentro das estruturas territoriais somos dos que mellor estamos. Se aceptásemos todas as peticións para a presenza de Feijóo en actos noutras comunidades non tería fins de semana libres.

Pero en solicitude de selfies penso que lle gañou Cifuentes.

Aí andarían [ri]. Pero é certo que Cifuentes está máis entregada ás redes sociais que Feijóo.

Orzamentos xerais: "O PSOE foi sensible a chegar a un acordo para investir a Rajoy, sería irresponsable se agora non o é para aprobar as contas"

Non tivo Feijóo un perfil máis baixo neste congreso nacional?

Formou parte da ponencia máis importante, pero tamén é verdade que Galicia acudiu a Madrid cos deberes da renovación interna feitos, mentres que outras comunidades se enfrontan agora a iso.

É dos que pensa que Rajoy gañou dous congresos a fin de semana?

O que vexo é que hai un ano algúns dicíanlle a Rajoy que se tiña que ir e todos eses hoxe ou marcharon ou os botaron dos seus partidos. Rajoy é un líder consolidado que saíu reforzado do congreso. Enfronte, o PSOE vive un proceso de guerra civil sen precedentes, sentado no diván do psicoanalista para decidir que quere ser no futuro. Podemos afronta un proceso de autodestrución porque se enfronta ás súas propias contradicións e no seu congreso viuse un choque de trens entre a vía máis radical e a menos radical. Cando ao populismo lle falta o ingrediente fundamental que é a desesperanza social, autodestrúese, e a recuperación económica fai que ese escenario de catástrofe que precisan os populismos para chegar á xente hoxe sexa menor. E C’s camiña cara a senda da irrelevancia.

Que prefire o PP: o Podemos máis radical que gañou ou o máis moderado que podería pactar co PSOE?

Deberíamos pensar menos no que nos interesa a nivel de partido e pensar máis no que lle interesa a España, que é que o PSOE recupere posicións, se reconstrúa internamente, lidere a oposición en España e sexa alternativa para dialogar, negociar e consensuar. O importante é que o populismo teña cada vez un espazo máis acotado e retroceda posicións.

Por certo, deulle algún consello de paternidade ao presidente?

Feliciteino, porque penso que o máis importante que pode facer unha persoa na vida é ter fillos, así que lle dixen que o disfrutase.

Comentarios