A oposición esixe que dimitan Almuiña e os responsables de pechar o paridoiro de Verín

Feijóo ratifica a reactivación da sala de partos no centro en canto haxa pediatras
Hospitald de Verín. GSV
photo_camera Hospitald de Verín. GSV

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, ratificou este luns a reapertura do acto médico do parto no Hospital de Verín en canto haxa pediatras, con consentimento informado. Así o trasladou ao finalizar a reunión mantida cos responsables de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense ( CHUO), na que estivo acompañado do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña e representantes da área sanitaria de Ourense.

"Se temos pediatras, o paridoiro funcionará, como era nosa intención", replicou Feijóo, quen precisou que "as mulleres que queiran parir alí poderán facelo cun consentimento informado e reforzado das familias que así o consideren.

Neste sentido, apuntou que "se as mulleres queren parir e os xinecólogos fanse responsables, faremos un consentimento informado, reforzado, para que as familias que queiran seguir parindo en Verín saiban que ese consentimento vai permitir autorizar partos en Verín", abundou Feijóo, quen ve viable que o hospital realice partos ordinarios sen complicacións.

A oposición esixe que Feijóo se desculpe e o PP replica: "foi o primeiro" en facelo 

Por outra banda, os distintos grupos da oposición esixiron este luns que dimitan os responsables de pechar o paridoiro do Hospital de Verín e defenderon que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, debería "desculparse" por esta decisión, despois de transcender que o servizo reabrirá tras o contrato de dous pediatras. En fronte, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, contestou que os populares xa pediron desculpas, sendo "Feijóo o primeiro" en facelo. 

Así o manifestou despois de que o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, interpretase o anuncio da reapertura do paridoiro como "a primeira gran vitoria dunha maioría progresista" en Galicia, unha "maioría progresista" que "marca a axenda política do país" da man dunha sociedade que se "manifestou de forma intensa" en defensa dos seus dereitos. En fronte, situou a "un presidente arrinconado" a quen a cidadanía "pon contra as cordas" e que foi "obrigado" a "recuar, a dar marcha atrás na súa linea de recortes". Caballero animou a non rebaixar a presión e seguir no mesmo camiño. 

Luís Villares tachou a decisión de pechar o paridoiro de "violencia machista institucional contra as mulleres e os seus bebés

"Queremos manter a batalla aberta", esgrimiu e, á marxe de pedir o cesamento de todos os responsables da decisión, co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, chamou a permanecer unidos en defensa da sanidade pública e coa vista posta "nunha nova Galicia en 2020". 

Finalmente, urxiu en que se abra o paridoiro e remarcou que debería "desculparse" ante os galegos "polo seu discurso cínico e falaz". "Meteu medo ás mulleres, aos cidadáns, e se tivese un mínimo de decencia, cesaría aos responsables. Se eu fose o responsable da Xunta, faríao", resolveu.

Puy defende que Almuiña non ten que dimitir, mentres os seus rivais políticos piden o seu cesamento e de todos os responsables do peche

"DIMISIÓN DE TODOS E CADA UN". A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, foi máis aló e pediu "a dimisión de todos e cada un" dos responsables do peche do paridoiro de de Verín. "O primeiro que tiña que dimitir era Feijóo" como "o máximo responsable político", aseverou. 

E é que, en palabras da líder dos nacionalistas, o presidente da Xunta "utilizou a mentira con absoluto descaro" ao xustificar o peche do servizo co descenso do número de partos cando o Hospital de Verín "nunca cumpriu" co número mínimo recomendado pola OMS, e con que "non había pediatras" cando esta semana "resulta que hai dúas que se poden contratar". 

Ana Pontón criticou que o Goberno galego pretenda "colgarse a medalla" pola reapertura da sala de partos

Neste contexto, Ana Pontón criticou que o Goberno galego pretenda "colgarse a medalla" pola reapertura da sala de partos. "É un éxito da comarca de Verín, que obrigou de mala gana ao PP a recular nunha decisión absolutamente impresentable", engadiu.Ç

"UNHA VITORIA CLARA". Tamén a portavoz do Grupo Común da Esquerda Luca Chao deu o seu "parabén" á comarca de Monterrei e ás súas mulleres, que conseguiron "unha vitoria clara" que demostra que cando a cidadanía se mobiliza "obtéñense resultados contundentes". 

Tras a contratación dos dous pediatras e a futura reapertura do paridoiro, Chao advertiu que "agora é tempo de reclamar responsabilidades", porque en política "non basta con rectificar". Neste sentido, dixo esperar que Vázquez Almuiña "ou marche ou sexa cesado do seu cargo", porque "demostrou que non está capacitado para o posto que ten". 

Pola súa banda, o portavoz do Grupo Mixto, Luís Villares, tachou a decisión de pechar o paridoiro de "violencia machista institucional contra as mulleres e os seus bebés", unha circunstancia que "só pode" solucionarse coa dimisión do conselleiro de Sanidade e "co cesamento inmediato" do xerente da área sanitaria de Ourense, Félix Rubial.

"O IMPORTANTE É QUE SE RESOLVAN OS PROBLEMAS". Puy (PPdeG) respondeu que os populares xa pediron desculpas e "Feijóo foi en primeiro", á vez que insistiu en que sempre defenderon que manter os recursos sanitarios de proximidade, sempre que houbese "seguridade" para nais e bebés, era a súa prioridade. 

Por iso, insistiu en que agora toca esperar a que se formalicen as incorporacións dos pediatras e se fixen os protocolos correspondentes para pór en marcha o paridoiro "da mellor forma posible, da máis garantista". 

Puy insistiu en que os populares non teñen problema en pedir "desculpas" se houbo algún fallo, pero defendeu que "o importante é que se resolvan os problemas", á vez que agregou que, baixo o seu punto de vista, "non" o conselleiro de Sanidade non debe dimitir. 

"Creo que foi vital (para a resolución do problema)", esgrimiu e apuntou tamén ao papel da nova xerente do distrito sanitario, que "coñece a casa" e traballará por que o servizo do paridoiro se reactive da forma "máis rápida" e "segura". 

Comentarios