A oposición pide 44 novas comparecencias para regresar á comisión dos recortes sanitarios

O PPdeG estudará o proposta pero dentro do plan de traballo aprobado e acusa o resto de grupos de practicar "filibusterismo político"

Ana Pontón, Luís Villares e Xoaquín Fernández Leiceaga. XOÁN REY (EFE)
photo_camera Ana Pontón, Luís Villares e Xoaquín Fernández Leiceaga. XOÁN REY (EFE)

Os grupos parlamentarios de En Marea, PSdeG e BNG rexistraron unha petición conxunta para ampliar o plan de traballo da comisión de investigación sobre os recortes no sistema sanitario de Galicia. Así, expoñen incluír 44 novas comparecencias como condición para volver participar nun órgano creado a iniciativa dos grupos da oposición, pero que abandonaron ante un plan de traballo que entendían que non se axustaba ao que tiña que ser e que acabou aprobando o PP en solitario.

A proposta presentada este venres en rolda de prensa polos portavoces parlamentarios dos grupos da oposición -Luís Villares (En Marea), Xoaquín Fernández Leiceaga (PSdeG) e Ana Pontón (BNG)- inclúe a 44 novos comparecentes. Entre eles figuran o portavoz da familia do falecido na PAC da Estrada o pasado mes de agosto, a xerente da EOXI de Santiago, Eloína Núñez; os cargos do Sergas imputados polo caso da subministración de tratamentos a pacientes de Hepatite C e responsables de Povisa, entre outros.

Os voceiros da oposición remarcaron que a súa proposición vai na liña de "desbloquear" unha situación que consideran "antidemocrática", como consideran que o PPdeG se valla da súa maioría parlamentaria para "amordazar" ao resto de grupos e, deste xeito, converta unha comisión orientada "a saber a verdade" nun "acto de propaganda política" en favor do Goberno galego.

Minutos despois da rolda de prensa ofrecida por Villares, Leiceaga e Pontón; o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, atendeu aos medios para apuntar que os populares están abertos a aceptar novas comparecencias ou solicitudes de información, pero existe un plan de traballo que xa está aprobado formalmente pola Cámara e que, por tanto, corresponde "cumprir". Ademais, aproveitou para acusar o resto de grupos de practicar "filibusterismo político" ao abandonar a comisión "sen ningún criterio". "Anuncian abandonos, logo regresos", comentou Puy, que deslizou que lle "parece" que "a idea" da oposición con esta nova proposta é "entorpecer os traballos" da comisión.

Precisamente este venres tivo lugar unha reunión da mesa da comisión de investigación, que deu luz verde ao proceso para solicitar a documentación solicitada e comezar a elaborar o calendario de comparecencias que, aínda que non está pechado, poderían comezar a finais do presente mes. Así as cousas, a proposta para ampliar o plan de traballo presentada polos tres grupos da oposición no Pazo do Hórreo será estudada na próxima convocatoria da reunión.

LISTA DE COMPARECENTES. A lista de En Marea, PSdeG e BNG, que aclararon que se trata dunha proposta de mínimos e que, por tanto, non cabería negociación sobre ela; pide que acudan á Cámara a xerente da EOXI de Santiago, Eloína Núñez, -á que pertence os servizos sanitarios da Estrada-; a exconselleira de Sanidade Rocío Mosquera, responsables das áreas de saúde do tres principais sindicatos ou o portavoz da plataforma SOS Sanidade Pública, Manuel Martín.

Así mesmo, os portavoces fixeron fincapé en que o propio título da comisión fai referencia aos casos da PAC da Estrada e os tratamentos da Hepatite C, polo que se preguntan "como se pode investigar" o que aconteceu sen que acudan a dar a súa versión persoas como o portavoz da familia do falecido na localidade pontevedresa, a plataforma de afectados pola Hepatite C ou os cargos do Sergas imputados por este asunto, Félix Ruibal e Carolina González Criado.

Ademais, reclaman que comparezan o médico de reforzo planificado para o día 4 agosto (xornada na que se produciu a morte do paciente na Estrada) ou o coordinador do centro de saúde deste municipio -que xa lles ofreceu o PP-. Así mesmo, tamén puxeron o acento en que para estudar os "recortes" en sanidade é preciso contar coa versión de responsables de medicina privada, polo que reclaman que acudan ao Parlamento o propietario de Povisa, José Silveira; a xerente do centro vigués, María Luisa Brandt, e a portavoz do comité de empresa, María Xesús Picón.

En total, os grupos piden 44 novas comparecencias que, sumadas ás do PP, elevarían o número de citacións ás 70, "o mesmo número" que houbo na comisión sobre os incendios forestais, que tivo lugar no Pazo do Hórreo entre finais do pasado ano e a primavera de 2018.

PUY CRITICA A PROPOSTA. Cuestionado sobre isto último, Pedro Puy diferenciou entre o carácter das citadas comisións, xa que, como lembrou, a referente aos incendios era "de estudo" mentres a relativa aos recortes de sanidade é "de investigación". Ademais, subliñou que no caso de que o PPdeG aceptase a totalidade das peticións de comparecencia expostas pola oposición, rompería "o tradicional equilibrio que se deu noutras comisións, como na das caixas". "Levaría a que deses 70 (comparecentes), 50 serían da oposición e 20 da maioría (parlamentaria)", comentou Puy.

"Iso non é o afeito nin é o lóxico. O lóxico é que sexan proporcionais", remarcou o portavoz popular, que tamén puxo en cuestión que a relación de nomes postos sobre a mesa polo resto de grupos "teñan cousas que achegar" ao obxecto da comisión de investigación.

"DOMA E CASTRACIÓN" DA OPOSICIÓN. "Pretende (o PP) a doma e castración da oposición en Galicia", aseverou o portavoz socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, que incidiu en que a actitude dos populares no proceso de negociación para o plan de traballo da comisión vai na liña do "método albertiniano".

En termos parecidos expresouse o portavoz de En Marea, Luís Villares, que comentou que "ao PP caeulle a máscara" ao aprobar en solitario o plan de traballo despois de "encher a boca falando de transparencia" cando, nunha modificación do regulamento da Cámara, accederon a crear un mecanismo polo que os grupos da oposición teñen a opción de impulsar unha comisión de investigación por lexislatura como método de control ao goberno.

Para a líder frontista, Ana Pontón, a actitude da populares "evidencia que non están cómodos" co impulso dunha comisión que pretende coñecer "que hai detrás" da "deterioración" da sanidade pública de Galicia, que segundo a portavoz do BNG, presenta "un recorte acumulado de 2.000 millóns de euros" desde a chegada de Feijóo á Xunta.

Comentarios