Lunes. 24.09.2018 |
El tiempo
Lunes. 24.09.2018
El tiempo

A oposición pide que Feijóo explique na Cámara as "ramificacións" da Gürtel en Galicia

Ana Pontón. PEPE FERRÍN (AGN)
Ana Pontón. PEPE FERRÍN (AGN)

O presidente da Xunta pide "tranquilidade": "Os políticos estamos para servir, non para deixarnos levar pola ansia de poder" 

 

A oposición reclama que o presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, compareza na Cámara para explicar as "ramificacións" en Galicia da trama Gürtel, pola que foi condenado o Partido Popular como partícipe a título lucrativo dunha rede de corrupción. Este venres, o BNG avanzou que solicitará que a comparecencia do presidente galego se realice nun pleno extraordinario centrado na corrupción.

Fíxoo, como recoñeceu a líder frontista, Ana Pontón, sen consultalo previamente co resto de grupos da oposición, algo que lamentaron tanto En Marea como o PSdeG, que si se mostraron favorables a forzar a comparecencia de Feijóo sen aclarar se se sumarán á petición dos nacionalistas. No que coinciden os grupos da oposición é en que a sentenza da Gürtel é de "tal gravidade" que Núñez Feijóo debe ofrecer explicacións públicas en sede parlamentaria sobre a rede de corrupción "institucionalizada" pola que foi condenado o seu partido. 

Para o portavoz de En Marea, Luís Villares, o mandatario popular debe ir máis aló e, ademais de explicar as conexións da Gürtel en Galicia, ten que "pedir perdón" polo "financiamento ilegal que lles fixo concorrer dopados ás eleccións e gañar con trampas". 

O BNG propón que compareza nun pleno extraordinario, pero En Marea e PSdeG quéixanse de que os nacionalistas o anuncien antes de consultalo 

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, indicou que a situación "é de tal gravidade" que obriga a que Feijóo dea a cara ante a cidadanía "a través do pleno do Parlamento". "A Gürtel naceu en Galicia e resulta inverosímil que o PPdeG non se beneficiase desa trama criminal ou que Feijóo alegue ignorancia", declarou Ana Pontón, quen anunciou que, no caso de que o presidente galego non solicite comparecer "a petición propia", será o BNG quen rexistre a petición. 

Ana Pontón cualificou de "inexplicable" que non fosen investigadas nin por parte do PP nin polos tribunais as declaracións do exsecretario de Organización do PPdeG, Pablo Crespo (condenado a 37 anos e medio de cárcere como número dous da trama); nas que recoñecía que o 65 por cento do diñeiro que manexaba o PP en Galicia era "negro". 

MOCIÓN DE CENSURA. Así as cousas, En Marea indicou que pon os "votos" dos seus deputados no Congreso a "disposición" da moción de censura contra Mariano Rajoy rexistrada este venres a iniciativa do Partido Socialista. Todo iso, segundo Villares, para que Rajoy "non siga nin un minuto máis á fronte dun partido e dun goberno que saquea os recursos públicos". "Estamos ante os piratas do saqueo, do roubo; duns corsarios que fixeron da corrupción unha forma de vida", engadiu. 

Respecto da moción de censura, Fernández Leiceaga comentou que debe ser Ferraz quen decida as "conexións co resto de forzas" para tentar que a moción salga adiante, á vez que evitou pronunciarse sobre a convocatoria de eleccións anticipadas, como reclama Ciudadanos. "A sentenza é especialmente dura e preocupante para o PP", aseverou.

FEIJÓO CHAMA A ESPERAR. Tamén falou do asunto o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen chamou á "tranquilidade" dos líderes políticos ante a reacción suscitada despois de que a Audiencia Nacional condenase a varios exdirigentes do PP a penas de até 51 anos de prisión. "Os políticos estamos para servir, non para deixarnos levar pola ansia de protagonismo e de poder", manifestou. 

"Creo que o que temos é que esperar, tranquilidade; e (ante) a ansiedade que teñen algúns, mandar unha mensaxe de acougo e respecto aos cidadáns, aos votantes, aos intereses xerais e ao noso país", remarcou Feijóo, quen é un dos nomes que soa nas quinielas sucesorias do presidente do Goberno, Mariano Rajoy. 

Así as cousas, e en declaracións aos medios nun acto na Coruña, Feijóo asegurou que "non ten sentido" que hai dous días o Congreso aprobase os orzamentos do Estado e "24 horas despois quéirase romper a estabilidade alcanzada 24 horas antes". "É unha contradición absoluta, un sinsentido e unha falta de respecto aos cidadáns que queren que despois de tanto tempo discutindo se hai contas xerais para pensionistas, empregados públicos, familias e actividade económica, agora todo o que fixemos rompa e salta polo aire", reflexionou. 

A oposición pide que Feijóo explique na Cámara as "ramificacións"...
Comentarios