Os accidentes causados pola fauna nas estradas galegas fan incrementar medidas preventivas

A Consellería de Infraestruturas inclúe 2020 actuacións no plan de Seguridade Viaria de Galicia 2016-2020. O Goberno instalou captafaros en diferentes tramos dos viarios galegos, como elemento disuasorio para os xabarís
Captafaros instalados pola Xunta nas estradas galegas
photo_camera Captafaros instalados pola Xunta nas estradas galegas

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda incluíu no plan de Seguridade Viaria de Galicia 2016- 2020 medidas baixo o obxectivo de prevención de accidentes con fauna. Para realizar estes traballos a Xunta conta coa información da Dirección Xeral de Tráfico: os rexistros das súas bases de datos relativos aos accidentes nos que se tivese identificado a presenza de animais, e máis concretamente do xabaril.

O Goberno galego tamén se está a coordinar coa Universidade da Coruña para integrar os datos nun Sistema de Información Xeográfica (SIX). A Consellería de Infraestruturas prevé que despois do verán se disporá da información que permitirá establecer o umbral de concentración de accidentes con animais, para determinar todas as zonas nas que se produza unha maior proporción de accidentes deste tipo.

Nunha segunda fase, unha vez definidas estas zonas, emprenderase a implantación de medidas correctoras, segundo o tipo de estrada da que se trate. Nas vías convencionais, onde resulta máis complexo evitar a entrada de animais á calzada, reforzarase a seguridade con actuacións orientadas a informar ao condutor do perigo, a través da colocación de sinalización específica que advirta da posible presenza de animais na vía.

Nas estradas con accesos controlados colocaranse pasos de fauna nas estradas de novo trazado; construiranse vías de escape de fauna ou peches reforzados; utilizaranse repelentes ou atraentes para conducir aos animais cara aos pasos de fauna habilitados; e reforzarase a sinalización.

CAPTAFAROS. Colocáronse elementos disuasorios como captafaros reflectores e, en concreto, xa hai catro tramos en probas, dous nunha vía de altas prestacións e outros dous en estradas convencionais. Estes dispositivos recollen a luz do vehículo, aínda a distancia, transformándoa en destelos que son enviados cara ás beiras da estrada.

Deste xeito, inmobilízase á fauna no seu desprazamento, antes de que tente cruzar a estrada e moito antes de que o vehículo chegue á súa altura.

Dous deles están na vía de altas prestacións Sarria-Monforte; un na estrada Nadela-Monforte, a LU-546; e outro na estrada entre Bóveda e Pobra de Brollón, a LU-652.

Dentro do plan para paliar os danos ocasionados polo xabaril, desde a Consellería de Infraestruturas tamén se está a estudar a posibilidade de incorporar na aplicación para dispositivos móbiles da Dirección Xeral de Tráfico a identificación das zonas de concentración de accidentes por animais, para inmobilizar a fauna antes de que tente cruzar.

Deste xeito, os condutores poderían ter información en tempo real cando circulasen por algunha destas zonas e incluso disporían de datos segundo as horas, os días da semana ou os meses nos que se teñan detectado maior número de sinistros por presenza de xabarís.

Nas vías convencionais, reforzouse a sinalización e nas estradas con accesos controlados instaláronse pasos de fauna e utilízanse repelentes ou atraentes para conducir aos animais cara aos pasos habilitados.

Comentarios