As pensións máis baixas, para os galegos

Galicia mantense coma a comunidade coas pensións medias máis baixas de todo o Estado, pese a que no último ano medraron nun 5,1%, para situarse nos 562 euros por persoa, segundo os datos correspondentes ó mes de xullo que fixo públicos hoxe o Ministerio de Traballo.

Así, os pensionistas galegos cobran de media un 16,6% menos ca no conxunto de España, xa que a pensión media a nivel estatal está nos 674 auros. As comunidades coas pensións máis altas son País Vasco (843 euros), Asturias (815 euros) e Madrid, cunha retribución media de 800 euros.

Tal e como sinalan os datos do Ministerio de Traballo, o noso país conta cun total de 702.235 pensións, das que preto de 435.000 son de xubilación, 178.000 de viuvez, 66.000 por incapacidade permanente, 20.000 de orfandade e as 5.300 restantes correspóndense con pensión de favor de familiares.

No referente á cuantía, as pensións medias máis altas en Galicia correspondense coas de incapacidade permanente (651 euros), seguidas das de xubilación (623 euros), as de viuvez (418 euros), as de favor de familiares (370 euros) e as de orfandade, que se manteñen coma as de menor importe con algo menos de 300 euros.

En toda España, o número de pensións abonadas pola Administración central elévase ata superar as 8.000.000, das cales a maioría se corresponden con retribucións por xubilación.

Datos por provincias
En Galicia, as pensións medias máis altas rexistranse na Coruña, onde acadan os 595 euros, e en Pontevedra, onde a cuantía ascende a 591 euros.

No lado oposto sitúanse as provincias do interior galego, cun importe medio de 504 euros en Lugo e 497 en Ourense. Ámbalas dúas provincias mantéñense, así mesmo, coma as que reciben as pensións máis baixas no conxunto do estado.

A Coruña rexistra tamén o maior número de pensionistas, ata 263.000. A provincia que reparte o menor número de retribucións destas características é Ourense, cunha cifra que ronda as 110.000.

Comentarios