Novas protestas contra o trazado do AVE en Serrabal

Os traballadores da empresa Ferroatlántica, das factorías de Cee e Sabón e da mina de Serrabal, volverán ás protestas este mesmo mes de agosto para esixir que se modifique o trazado do AVE ó seu paso pola mina, no tramo que une Boqueixón e Vedra.

O secretario xeral da CIG, Xesús Seixo, anunciou que os comités de empresa reuniranse os vindeiros días e que analizarán a posibilidade de continuar as protestas ata o mes de setembro, e que “non descartan” paralizar ou bloquear a entrada da maquinaria para iniciar as obras do AVE na mina.

De feito, Seixo mencionou a posibilidade de levar a cabo unha folga xeral das tres delegacións da empresa, que implicaría a tódolos traballadores (600 postos directos) pero que tamén repercutiría nos indirectos (uns 1.200 máis).

Reunión
Así, un cento de membros  dos comités de empresa desprazáronse hoxe dende a localidade de O Grove ata San Vicente do Mar, onde pasa as súas vacacións o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, para esixir que se entrevistase con eles “tal e como prometera o presidente antes das eleccións”.Os traballadores foron finalmente atendidos polo secretario xeral de Presidencia, xa que Touriño estaba de viaxe na Coruña.

Comentarios