Os traballadores de Serrabal ameazan co paro se non hai outra reunión

Os traballadores de Ramsa e Ferroatlántica afectados polo paso do AVE pola mina de Serrabal esixiron esta mañá que se produza unha nova reunión na que estean presentes os comités de empresa, o Goberno galego (en concreto os conselleiros de Industria, Fernando Blanco e de Traballo, Ricardo Varela) e o empresario Juan Miguel Villar Mir.

Segundo explicou o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, o obxectivo desta reunión é que Administración e empresa "poñan enriba da mesa" os datos que teñen realmente sobre como afectará á explotación mineira o trazado do tren de Alta Velocidade entre Santiago e Ourense, ó seu paso polos concellos coruñeses de Vedra e Boqueixón e cal será a incidencia nos postos de traballo.

Seixo, acompañado polo secretario de Política Sindical de UXT, Manuel Golpe e polo portavoz do Comité de Empresa da fábrica de Sabón, José Manuel Gómez, afirmou que o obxectivo das plataformas sindicais é conseguir que dito encontro se leve a cabo esta semana e puntualizou que se non se consegue "pola vía do diálogo", será preciso empregar outras "medidas de presión" orientadas ó executivo e á propia empresa, entre as que non descartan o paro da actividade nos centros afectados.

Os tres portavoces criticaron a postura dos técnicos do Adif e dos representantes do Goberno galego na reunión que tivo lugar o pasado mércores e sinalaron que "non só non serviu para clarexar nada" senón que contribuíu a xerar "máis confusión" na opinión pública. Para Golpe, que non se presente o cronograma da situación na que se atopan as obras do trazado Santiago-Ourense "tramo por tramo" como se prometera nunha reunión previa, responde ó claro interese do Goberno en evitar "darnos a razón" ó "recoñecer" que a modificación do trazado do AVE ó seu paso por Serrabal non suporía "ningún atraso".

Traslado de inversións
"Din que os postos de traballo non corren perigo", explicou Gómez Rama e preguntouse "como o saben e como van evitar que Villar Mir tome medidas". De feito, Golpe sinalou que a proba de que non existe "ningunha seguridade" para os postos de traballo a constitúe o feito de que a empresa "aproveita a situación" para trasladar inversións previstas para Galicia a Francia e Sudáfrica, onde se desenvolverá o proxecto de silicio solar que, en principio, ía acoller a fábrica de Sabón.

"Para empezar, xa afecta a 40 persoas", destacou o portavoz do comité de empresa. Ademais, Manuel Golpe puntualizou que este tipo de actuacións demostran que non só "póñense en risco os futuros postos de traballo, uns 500, senón tamén os actuais". Así, os representantes sindicais pediron "garantías" de continuidade destes postos e da actividade industrial en Serrabal.

Comentarios