''Si no creyera en las posibilidades de recuperar el gobierno, no estaría aquí''

pablogarcia_faldon.jpg
photo_camera pablogarcia_faldon.jpg

Pablo García (Silleda, 1972) comeza a súa andaina como secretario de organización do PSdeG, tralo seu cese á fronte do mesmo cargo no sindicato Unións Agrarias, no que leva máis dunha década.

Trala primera reunión da comisión executiva do partido elixida a pasada fin de semana, afronta unha nova etapa que, quere, permita recuperar o goberno dentro de catro anos.

Pregunta: Que lle pode aportar a súa traxectoria en Unións Agrarias para as funcións que ten que desenvolver agora no PSdeG?

Resposta: Eu o que podo aportar é a miña traxectoria persoal, profesional e político-sindical. Todo desenvolvino en Unións Agrarias e, para ben ou para mal, o que poda saber disto aprendino aí. Teño esa bagaxe, esta historia e idiosincracia, que me fai ver as cousas dun determinado xeito, pero nada máis. Non vai ser o mesmo, nin é traspasable, ser secretario de organización de Unións Agrarias ou do PSdeG.

Un descoñecido
P:
E que lle parece que detectou Pachi Vázquez en vostede para ofrecerlle este cargo?

R: Hai que facerlle a pregunta a Pachi. Eu cando mo plantexou non tiña relación nin profesional nin persoal profunda con el. Tiñamos coincidido e falado en actos, pero denotei que estaba documentado, porque sabía cousas de min, tiña falado con xente que me coñecía e dalgún xeito tiña un esquema antes de plantexarmo.

Eu pregunteime como sabía tantas cousas de min, e supoño que falou con xente. Creo que é algo lóxico, dada a responsabilidade que me encomenda, que tivera información e que, cando menos, lle dira dúas voltas antes de decidirse. Creo que é o mínimo.

P:
Xa é secretario de organización, como prevé organizar o PSdeG? Que lle parece que hai que tocar?

R: É moi prematuro, non podo saber o que hai que tocar ou non. Pero quero dicir que parece que veño aquí a un deserto, e hai unha estrutura e unha organización potentísima. É un dos principais partidos do país. Pero xa que se me encomenda a responsabilidade, tentarei ser coherente co que eu penso de como deben facerse as cousas e como o pensa o equipo que traballaremos.

A partir de aí, iremos modificando cousas que creamos que hai que modificar e cambiar, pero non vimos a unha terra queimada e temos que nacer. O PSdeG leva moitos anos funcionando e haberá que adaptar e readaptar o que sexa, pero sobre algo que xa está funcionando.

O trato coa xente
P: Un dos cometidos do PSdeG é achegarse á xente. Como o farán?

R: Iso téñoo claro. É a parte que máis me interesou deste proxecto, a parte na que me vou sentir máis cómodo e na que máis me vai gustar. Espero adicarlle o maior tempo posible. Eu creo que é a labor fundamental que hai que facer para empezar a falar doutras cousas.

O primero é retomar o contacto directo coa xente do partido e simpatizantes. Retomada esta conexión, a partir de aí virá o demais, e organizar vainos ser moito máis fácil. É no que máis me vou centrar.

P:
Ese reto de recuperar o goberno en catro anos. Ve iso como unha posibilidade factible?

R: Por suposto. Se non crera niso non estaría aquí. Eu estaba moi a gusto en Unións Agrarias, os meus desexos persoais e profesionais estaban plenamente colmados, quedábame moitísimo que aprender e estaba desfrutando moito. Se tomei esta decisión, a máis trascendente da miña vida, é por algo, e o partido non é un fin en si mesmo.

A organización, que sexa mellor, máis cercana e ordenada, que esté presente en máis ámbitos da sociedade, non é un fin en si mesmo. O partido ten que ser un instrumento para facer o que nós cremos que hai que facer, que é transformar a sociedade como nós cremos que a hai que transformar. En catro anos, pretendemos ser nós a alternativa para que os cidadáns volvan confiarnos esta labor.

Comentarios