Lugares máxicos para namorados

Paisaxes galegas que chegan ao corazón

Percorrer a Praia dos Namorados, tomar de madrugada as nove ondas da Lanzada, compartir un atardecer na fin do mundo, ou preguntarlle ó Oráculo dos Namorados... Esta é a ruta máis namoradeira de Galicia
Unha parella na praia da Lanzada, no Grove
photo_camera Unha parella na praia da Lanzada, no Grove

A fin de semana máis romántica do calendario pode ser a escusa perfecta para adentrarse nalgúns dos recunchos máis namoradeiros que acolle Galicia. Paisaxes con nome propio que evocan o amor, lugares desde os que compartir o ceo máis espectacular no lusco-fusco ou terras con lendas de namorar para visitar xunto á persoa amada son só algunhas propostas de cara a celebración de San Valentín.

A Praia dos Namorados, en Marín (Pontevedra), ten o nome axeitado para vivir unha escapada romántica en pleno mes de febreiro. Trátase dunha pequena e íntima cala de areas brancas que se atopa ó carón do areal de Aguete, un dos máis importantes do municipio. Para chegar á recolleita Praia dos Namorados, situada logo de Punta de Moa, hai que atravesar Aguete aproveitando a marea baixa ou ben cruzar entre o camiño de rochas que separa ambas as dúas. Este areal é un recuncho nudista no verán, non exento de polémica entre a veciñanza, e no inverno debuxa unha paisaxe atlántica perfecta para proclamar o amor ós catro ventos.

Comparte nome coa praia marinense o Paseo dos Namorados, que se atopa na Mariña de Lugo. Ubicado no municipio de Cervo, este sendeiro transcorre polas verdes beiras do río Xunco, polo que decotío pasean as parellas collidas da man. Trátase dun pequeno camiño trazado nunha contorna máxica que destaca, ademais, pola súa variedade botánica. Contan que debe o seu nome a que nalgúns tramos se volve tan estreito que os que o atravesan teñen que achegarse moito.

No percorrido do Paseo dos Namorados únense as antigas fábricas de cerámica fundadas polo marqués de Sargadelos no século XVIII, que hoxe gozan de moita sona, cunha fervenza de gran beleza, que fan do lugar un percorrido con interese natural, histórico e tamén paisaxístico. A escapada ó Paseo dos Namorados pode completarse cunha visita guiada pola fábrica de Sargadelos a fin de coñecer a súa historia ou por unha ruta polos recunchos máis fermosos da Mariña, ateigada de acantilados que constitúen verdadeiros balcóns desde os que contemplar o espectáculo do Cantábrico en inverno.

ATARDECER NA FIN DO MUNDO. Poucas ideas hai máis románticas que viaxar á fin do mundo coa persoa amada. Por iso a Costa da Morte convértese cada 14 de febreiro nun dos mellores destinos en Galicia para os amantes máis soñadores que, ademais, queren compartir o último atardecer de Europa. As estampas que ofrece o último ceo da tardiña no Cabo Touriñán, tinguido de todas as cores posibles, segundo o día e a estación do ano, e o espectáculo que ofrece o sol que se mergulla no Atlántico conforman o marco ideal para calquera declaración de amor. 

Quen pode resistirse á paisaxe que emerxe ó pé do Faro de Fisterra, fronte as augas nas que se libraron batallas navais e aconteceron incontables naufraxios? A Costa da Morte é pois un lugar cargado de simbolismo para os máis románticos.

NOVE ONDAS. Pode ser tamén San Valentín a data idónea para descubrir a estampa de inverno das Rías Baixas da man dun dos seus areais máis emblemáticos, A Lanzada, ubicado no municipio de O Grove. Máis de dous quilómetros de areal á beira do mar aberto que convidan a percorrela ó carón da persoa amada e sentir a forza do Atlántico e a airexa salgada pola súa orela. Custodia esta praia unha pequena ermida románica de gran beleza, que conta cunha romaría tradicional que se celebra na última fin de semana de agosto e á que acoden cada ano miles de devotos. Ten esta ermida, presidida por Nosa Señora das Areas, unha lenda e rito propios. Conta que as mulleres que reciban alomenos nove ondas das augas da Lanzada durante a madrugada poderán quedar embarazadas nese ano. Aínda que dita a tradición que o rito da fertilidade é efectivo durante a celebración da romaría.

LENDA NO ARENTEIRO. O Paseo do Arenteiro no Carballiño transcorre entre árbores e desniveis e conxuntos rochosos de formas caprichosas que constitúen outro destino de conto para gozar do día de San Valentín. Este recuncho ourensán garda unha lenda de amor cunha tráxica historia que lle outorga un halo máxico. É o romance entre Marta, unha cristiá de familia humilde, e Boán, un acaudalado pagano namorado da anterior. Conta a tradición que Boán, que non cría no deus dos cristiáns, para acadar o amor de Marta acudiu a unha sacerdotisa á que lle pediu unha pócema de namorar. A brebaxe da feiticeira tiña dobre efecto, e así llo fixo saber ó mozo: só funcionaría se a muller desexada non sentía nada por el. Do contrario, volveríase tola ó bebelo. Boán xa fora rexeitado por Marta anteriormente, malia que ela sentía o mesmo por el, pero non o aceptaba pola súa condición cristiá. Así que o namorado fixo que a súa amada probara a pócema. Tal e como advertira a sacerdotisa, Marta enloqueceu dirixiuse ó alto da pedra e despeñouse acabando así coa súa vida. Ó saber da morte da súa amada, conta a lenda que Boán, preso da desesperación, tamén subiu ó alto da pena e rematou coa súa vida como fixera a súa amada Marta. O relato engade que, na contorna da pedra, cando sopra o vento, se pode escoitar o lamento do rapaz desafortunado.

ORÁCULO DOS NAMORADOS. Na parroquia de Arcos, en Ponteareas, existe outro conxunto de pedras que encerra tamén unha lenda de amor imposible. Fala da historia entre Alda, filla de Álvaro de Sarmiento, e o cabaleiro Tristán de Albarca, co que se reunía a diario xunto á mítica rocha, ata que o pai dela, que non aprobaba a relación, deulle morte a Tristán. Alda acudiu día tras día ó lugar onde se vían os namorados, pero el non volveu. Conta a lenda que un día se apareceu a pantasma do namorado e contou o acontecido.

Desde entón, este conxunto pétreo é empregado como oráculo para determinar se un amor é correspondido ou prever unha voda. A rocha principal que o conforma mide 25 metros de longo e tres de alto. Está pulido e apoiado en dúas rochas, semella que en perfecto equilibrio. Ademais a parte superior da rocha conserva centos de pequenas pedras froito do ritual do que é obxecto por parte dos namorados que se achegan ata alí para predecir se o seu amor é verdadeiro ou non.

Comentarios