O período de alto risco de incendios ampliarase a cinco meses en 2019, coa previsión de que aumente a seis meses en 2020, mentres que o servizo público de extinción incrementarase en 600 efectivos o ano que vén. Así o avanzou este martes na comisión parlamentaria o conselleiro de Medio Rural, José González, na que expuxo os orzamentos de 516 millóns (+4,2%) cos que contará o seu departamento para 2019, que se basearán en tres eixos: a mobilidade de terras, a aplicación das medidas saídas da comisión de estudo sobre incendios e o impulso á calidade agroalimentaria.
O conselleiro apuntou que tras este 2018 cun período de alto risco de catro meses o ano que vén haberá un incremento do tempo de traballo de fixos-descontinuos ata cinco meses, mentres que está previsto que aumente ata os "seis meses" en 2020. "Estamos a acabar coa temporalidade, entendemos a mensaxe", sentenciou.
Así mesmo, haberá unha "integración no dispositivo de brigadas de entes adscritos", de maneira que se prevé a incorporación de 120 brigadas —con cinco compoñentes cada unha— ao servizo público de loita contra o lume ( Spdcif) ata un total de 600 efectivos, que tamén se dedicarán a prevención. Ademais, incluiranse os compromisos adquiridos cos axentes forestais e incrementarase a formación de traballadores.
A próxima semana constituirase o grupo de expertos que se encargará de revisar o funcionamento do servizo de extinción de Galicia, despois de que os grupos designasen os seus nomes. Ademais, destinaranse 2,5 millóns de euros á adquisición de 11 motobombas, mentres que haberá que máis de tres millóns para a compra de tractores para a limpeza de biomasa en municipios, co obxectivo de recuperar a actividade agrogandeira nas faixas secundarias como mellor defensa contra os incendios.