Miércoles. 14.11.2018 |
El tiempo
Miércoles. 14.11.2018
El tiempo

A Plataforma en Defensa do Ensino chama a "boicotear" as 'reválidas' en Primaria e da ESO

Alumnos de primaria. AEP
Alumnos de primaria. AEP

A Xunta, pola contra, anima a participar nunhas probas que "axudan a que mellore" o sistema educativo galego, o "máis inclusivo" de España 

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público (PGEDEP) chamou ás familias do alumnado a "boicotear" as 'reválidas' que se realizarán en Galicia a finais deste mes nos cursos de 3º e 6º de Primaria e 4º de ESO, por someter aos estudantes a unha "tensión innecesaria".

En concreto, segundo informou a Europa Press a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, estas probas faranse na totalidade de centros para o curso de 3º de Primaria durante os días 23 e 24 de maio, mentres que os días 29 e 30 de maio participarán os alumnos de 290 colexios de 6º de Primaria e de 160 centros de 4º de ESO.

Nunha rolda de prensa, o secretario nacional de CIG-Ensino —entidade integrada na Plataforma en Defensa do Ensino—, Suso Bermello, esgrimiu que as 'reválidas' responden o "interese" de "introducir elementos de control académico e curricular" por parte dos gobernos para "eliminar ou restrinxir ao máximo a liberdade de cátedra e a autonomía tanto do profesorado como dos centros".

Así mesmo, tanto estas probas como a Ley Orgánica 8/2013 para la Mejora de la Calidad Educativa (Lomce) —normativa que as implantou— son, nas súas palabras, "unha subordinación dos contidos curriculares a eses intereses, jerarquizando as diferentes materias e introducindo elementos de tensión innecesaria no alumnado". 
Así, a Plataforma en Defensa do Ensino defendeu a avaliación continua "fronte ao modelo neoliberal, jerarquizante e clasista da Lomce", normativa que, segundo Bermello, "introduce elementos de control propios da empresa privada" en centros públicos e "segrega e estandariza" o alumnado con necesidades específicas de apoio.

RESPOSTA "MAIORITARIA"

Este é o terceiro ano consecutivo que esta organización propón boicotear as 'reválidas'. Segundo as súas cifras, en maio de 2017 participaron no bloqueo máis do 80 por cento das familias, polo que esperan que a resposta deste ano sexa tamén "maioritaria".

Neste sentido, o representante da Confederación de Anpas Galegas na Costa da Morte, José Bustelo, pediu un "esforzo" ás familias en materia de conciliación laboral e familiar para que non envíen aos nenos a clase durante os días das probas.

Ademais, Bermello criticou aos partidos políticos da oposición no Congreso por "ceder" nas súas críticas á Lomce e as 'reválidas' durante os últimos anos e, a continuación, animou a "calquera" asociación, sindicato ou formación a secundar o boicot.

"AXUDA A QUE O SISTEMA MELLORE"

Pola súa banda, o Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, fixo un chamamento á "normalidade e á participación" nestas "probas de diagnóstico" que, segundo insistiu, "axudan a que o sistema mellore".

En declaracións a Europa Press, o responsable de Educación na Xunta valorou as 'reválidas' como unha "axuda para ter un diagnóstico dos problemas que poidan ir xurdindo para porlles solucións".

Así, Rodríguez asegurou que a educación galega "mellora ano a ano" e que agora se sitúa como a "máis inclusiva" de España e a que "garante unha maior igualdade de oportunidades".

Non deixa de ser un pouco repetitivo que en Galicia haxa un maior rexeitamento destas probas cando noutras comunidades non é así e cando todas as variables do sistema educativo están a mellorar", concluíu.

UNIDADE SINDICAL EDUCATIVA

Así as cousas, o Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galicia (STEG) defendeu a unidade sindical como "elemento indispensable para a mobilización da comunidade educativa".

Nun comunicado, esta entidade criticou "certas dinámicas" que no plano sindical do ensino "debilitaron" a resposta da cidadanía ante os "abusos" da Xunta.

Ademais, STEG expresou a súa "preocupación" a que as centrais sindicais educativas "incidan de novo en tirar cada unha polo seu lado" con convocatorias de mobilizacións ou manifestacións e con "pouco interese en coordinarse minimamente".

"Unha maior mobilización da comunidade educativa só será posible a través da unidade sindical de todas as forzas que realmente loitan por unha educación pública e de calidade", sentenciou. 

A Plataforma en Defensa do Ensino chama a "boicotear" as...
Comentarios