Creador de Redmeteo e colaborador de AEMET

Domínguez: "Pode ser un verán caloroso en Galicia pero sen bater os récords do ano pasado"

Vaticina un verán máis variable có do ano pasado, máis en liña cun típico de Galicia, no que alternarán días calorosos e chuviosos, pero sen extremos
David Domínguez. AEP
photo_camera David Domínguez. BEATRIZ CÍSCAR

Aemet acaba de publicar a súa previsión e fala dun verán máis caloroso e chuvioso do normal. Compárteo?
As previsións estacionais son complexas e carecen de fiabilidade, así que son prognósticos que non se poden tomar ao pé da letra: son unha opción.

É certo que ás veces ata fallan as previsións a tres ou catro días.
O asunto das predicións a longo prazo está en fase experimental. De aquí a un tempo será fiable, pero agora mesmo non.

Aemet fala dun verán tormentoso. Iso significaría manter a situación actual todo o verán?
É difícil. O anticiclón das Azores que sempre bloquea as borrascas está esta tempada situado máis ao norte, polo que deixa pasar frontes de aire frío en capas altas que, en contacto co quente que temos na superficie, causa esas treboadas. Pero non se vai soster a situación todo o verán. De feito, para a semana ese anticiclón xa non vai estar en latitudes tan altas. O que si podemos ter este xuño, ou no verán, son episodios de calor de dous ou tres días moi potentes, e outros máis frescos.

Esas ondas de calor que xa sufrimos o verán pasado?
Non. Para catalogalo como onda de calor fan falla cinco días con temperaturas máis elevadas da media. Estar tres días a 37 graos é pasar calor, pero ao non ser prolongado no tempo non é onda.

Esas ondas do ano pasado eran motivadas por unha Dana situada entre España e as Azores. Pode repetirse ese patrón?
Agora mesmo temos unha Dana no mesmo lugar, só que a diferenza é que o ano pasado duraba moito no tempo. Esa Dana situada aí o que fai é bombear aire cálido de África, e se a borrasca non se move, impulsa calor seguido, as famosas ondas. Pero 2022 foi un ano insólito niso e din que non hai dous veráns iguais. Sería moi mala sorte vivir outra vez iso. Eu por pura estatística digo que non pasará.

Malia todo, Aemet si apunta a ese verán caloroso.
Si. Pode ser caluroso pero sen bater récords como o ano pasado. Temperaturas máis elevadas, pero non extremas.

Aemet prognostica máis chuvias e tormentas no Mediterráneo, polo efecto de quecemento daquel mar, pero non se molla tanto coa previsión en Galicia.
Iso débese a que no noroeste peninsular non se detecta unha anomalía clara. Aquí, no noso verán, chove bastante máis que en Valencia, onde poden pasar dous meses sen auga, así que aínda que en Galicia sexa un verán máis húmido, esa anomalía non será tan grande como se chove no Mediterráneo varios días en xullo e agosto.

Pero parece que nós tamén camiñamos pouco a pouco cara a ese tempo máis extremo, vistos os últimos días.
Si, iso é así. En Galicia chove hoxe a mesma cantidade ao longo do ano que antes, pero de distinta maneira: concéntrase en menos días. Pode pasar un mes sen chover e logo vir outro con días de choiva a tope.

Fálase de choivas convectivas. Que son en realidade?
Convectivas podería ser o mesmo que dicir torrenciais. É cando a choiva se forma por un proceso de convección, que é o que da lugar ás nubes de tormenta, os cumulonimbos. Son esas nubes altas e esponxosas.

Aquí deixaron cifras de chuvia estes días realmente extremas.
Máis de 20 litros en dez minutos é moita chuvia! Porque ao final, ao caer tanta en tan pouco tempo o terreo non é quen de asimilar todo iso e entón as escorrentías, as estradas, as veigas... todo pode converterse nun río e levar todo por diante. Aquí non estamos preparados para esa intensidade de chuvia, porque adoita chover moito, pero de xeito máis medido, máis repartido.

A súa previsión para este verán?
Eu agardo un verán máis dinámico que o pasado, onde se intercalen os días de chuvia con días de bo tempo e sen episodios de calor tan fortes como os de 2022. En xeral, algo máis de variabilidade, que por outra banda son os veráns típicos de Galicia

Comentarios