Pomar ve "inviable" máximos de 15 nenos por aula porque non hai "espazo suficiente"

Insiste en que, salvo que as autoridades sanitarias o desaconsellen no momento da volta ás aulas, as clases serán presenciais 
Carmen Pomar. AIDA SOENGAS
photo_camera Carmen Pomar. AIDA SOENGAS

A conselleira de Educación en funcións, Carmen Pomar, volveu a defender este domingo os máximos de 25 nenos por aula recollidos no protocolo galego para o curso escolar 2020/2021 e argumentou que, aínda que a administración quixese desdobrar os grupos non habería "espazos suficientes para ir a máximos de 15 alumnos". 

"Sería totalmente inviable porque non teriamos onde situar, a nivel físico, ao alumnado", sinalou nunha entrevista na Cadena SER recollida por Europa Press, na que indicou que a Xunta é "realista" e comunica "o que realmente é posible". 

Ademais, xustificou que se poidan xuntar ata 25 alumnos máis un profesor nas aulas, a pesar da recomendación de que as reunións en xeral non sexan de máis de 10 persoas, porque "o contexto educativo é moi particular e as actividades están moi estruturadas e pechadas". 

As escolas, dixo, son "lugares con moita orde" onde os pupitres están colocados "dunha maneira determinada" e os nenos van seguir "unhas pautas". Ademais, agregou, o de 25 é "o máximo legal" e o que recollen as últimas recomendacións do Ministerio de Educación. 

Pomar insistiu na aposta pola docencia presencial e manifestou que "a día de hoxe" ese é o plan da Xunta, polo que "salvo que no momento en que se vaia a comezar o curso as autoridades sanitarias recomenden o contrario", o 10 de setembro empezarán a acudir aos seus centros os nenos de Infantil e Primaria e o 16 farano os de Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional. 

A titular de Educación reflexionou que "en ningún sitio" os cidadáns están "libres" dun contaxio e os centros educativos teñen a "vantaxe" de ser "lugares estruturados" cunha "disciplina" que os menores "interiorizan". 

En canto á separación entre mesas, Pomar defendeu que o protocolo galego segue as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS), que "fala dun metro entre cabeza e cabeza". Ademais, referiuse á norma proposta para que os alumnos a partir de seis anos leven máscara en clase. "Os nenos están afeitos usala e usala na aula non vai ser tan incómodo como nos parecía", sostivo.

COMITÉ CLÍNICO. O vindeiro mércores haberá unha nova reunión do comité clínico de expertos, na que se abordarán medidas relacionadas coa 'volta ao cole'. A conselleira indicou que se definirá o uso das máscaras nas escolas, as medidas para Infantil e a xestión dos gromos. 

Ademais, explicou que a Xunta está "a ultimar" a xestión dos test serolóxicos que se farán aos docentes antes de empezar o curso. Prevé que se fagan 40.000 probas e, por outra banda, que persoal do Sergas dea formación a máis de 4.000 profesores para encarar este curso.

GUÍA SOBRE O PROTOCOLO. No caso de que haxa un confinamento, a conselleira asegurou que Galicia está preparada para a docencia telemática. 

Preguntada polas críticas procedentes da comunidade educativa, replicou que no protocolo galego non hai "improvisación", posto que se presentou a mediados de xullo e se revisou nas dúas últimas reunións mantidas cos equipos directivos. 

Ademais, indicou que nos próximos días estará lista unha guía "práctica" de preguntas e respostas sobre o protocolo para facilitar que o coñezan os pais e nais. 

Comentarios