Pontevedra revive o seu pasado medieval

Un ano máis e grazas á magnanimidade de Henrique IV, a cidade do Lérez vístese coas mellores roupas da corte para celebrar a XIII edición da Feira Franca, unha cita cun sorprendente raigame popular que transforma por completo a cidade. Foi este mesmo venres cando os pregoeiros (19.00 h.), a lombos dos seus corceis, percorreron Pontevedra para dar por comenzada unha cita na que a música, o teatro e a gastronomía da Idade Media toman as rúas, ao igual que o fan os trovadores, os ferreiros, os cabaleiros, os artesáns...

O programa propiamente dito deu comezo ás 19.30 h., cando a asociación Coros e Danzas Duos Pontes ofreceu un obradoiro de bailes medievais moi axeitado para que os veciños e visitantes soubesen estar á altura cando as cítaras, as arpas e as guitarras latinas resoasen polo casco histórico da cidade (os pasarrúas musicais e os concertos encherán a cidade), que será o epicentro das actividades. O espectáculo Un xogo e un soño, de Kull D'Sak e Troula, completou a oferta desta primeira xornada, que tivo o seu colofón na praza do Teucro convertida nunha pista de baile da man, de novo, de Duos Pontes.

Porén, o día grande, o sábado 1, será o momento de saír a perderse pola cidade para pasear polo mercado medieval (avenida de Santa María), que acollerá ducias de postos de artesanía e outros tantos para gozar cos manxares máis exquisitos: desde as carnes máis suculentas ata unha sorprendentemente ampla variedade de doces tradicionais. Pero as actividades estarán espalladas por cada curruncho da cidade e hai moito máis que ver á marxe do mercado. De feito, será a Ferraría a que acolla durante todo o día distintas exhibicións e mostras de oficios (consulte aquí o programa). Deste xeito, poderemos comprobar e aprender como traballaban os ferreiros, os oleiros e todo tipo de artesáns.

A implicación da cidade na súa festa é tal que os veciños se disfrazan por completo e, a través das distintas asociacións (a alma da cita son elas), organízanse xantares e ceas medievais acompañadas de xogos e música do medievo. Son tamén os hostaleiros da cidade vella outro dos alicerces da ambientación do evento; e, sen saír do terreo gastronómico, non nos podemos esquecer da recreación do transporte do viño, que nos servirá ás 12.00 h. a asociación recreativa de Xeve e Art Monium (consulte aquí o percorrido da mesma).

Volvendo ao programa, outro dos seus platos fortes son as recreacións bélicas e teatrais, entre as que destacan as exhibicións de tiro, de loita e a recreación do Torneo Medieval, un espectáculo de balde co que a praza de Touros se convirte nun campo de batalla e honra da man de Legend Especialistas (pases ás 17.30 h. e ás 20.00 h.).

O Pasarrúas dos Errante e Art Monium serán os encargados de poñer o punto final, ben entrada a noite, para esta festa chea de historia, de lenda e, como non, de troula.

Comentarios