Pontón: "Abrir unha reflexión non é pensar 'quero isto e isto'; o proceso precisa tempo"

"Hai que pensar moi ben o que se fai", subliña a sarriá, que elude calquera interpretación sobre a reflexión aberta sobre o seu papel no BNG. Non mira só á asemblea do 7 de novembro, tamén ás autonómicas de 2024
A portavoz nacional do Bloque, nos xardíns do Parlamento galego. PEPE FERRÍN
photo_camera A portavoz nacional do Bloque, nos xardíns do Parlamento galego. PEPE FERRÍN

Que tal se presenta o curso?
Estamos nun momento decisivo, onde o gran reto que temos por diante é a reactivación económica de Galiza. O BNG destina todas as súas forzas a este obxectivo, con preocupación porque vemos a un goberno cativo da estratexia do PP de Casado e sen proxecto de futuro. É unha temeridade nun momento de grandes cambios nos que Galiza pode quedar atrás na repartición dos fondos Next Generation e vendo como eses recursos acaban en mans de catro grandes empresas e non serven para a transformación que necesita o país.

É un curso de ir volvendo á normalidade tamén na política.
A pandemia encapsulounos a todos. Encapsulou a vida, a política... Había unha prioridade, que era enfrontar un reto que nos deixa unha pegada tan profunda, con persoas falecidas que van estar sempre no noso corazón. Pero tamén se viron as posturas dos gobernos. Recoñecendo que é unha situación moi difícil de enfrontar, despois de 500 días de pandemia esperabamos algo máis que improvisación, mentiras e falta de rigor.

Ana Ponton. PEPE FERRÍNE cales son hoxe as prioridades do BNG?
A primeira é a reactivación económica. Non se trata de volver ao punto de partida, senón de poñer en marcha un novo proxecto de país. O BNG presentou hai meses unha alternativa nese sentido, porque nos parece que o país ten potencial, que necesita producir e apostar pola innovación, que ten que enfrontar o desafío do cambio climático. Galiza ten a capacidade para poder ser a empresa de Europa, pero lamentablemente vemos a un Goberno que nin sequera é quen de poñer medidas fronte á crise industrial.

O segundo gran reto é a defensa dos servizos públicos. A Atención Primaria está contra as cordas e continúa un programa de recortes e acoso. Temos unha proposta moi concreta: un plan de reforzo con 200 millóns que permita que a xente poida ir con normalidade ao médico, porque agora hai listas de espera de ata vinte días nalgúns sitios.

A pandemia tamén deixou outra lección, como é que as residencias de maiores necesitan un cambio de 180 graos, polo que imos traer ao Parlamento unha nova lei para regulalas fronte á pasividade dun Goberno de Feijóo que prefire ir de ganchete coa patronal, que está a facer negocio co dereito a unha vellez digna. E tamén diría que hai unha prioridade importante: facerlle fronte a esta factura da luz, unha dobre estafa en Galiza porque somos grandes produtores de electricidade. É un auténtico escándalo a pasividade do Goberno central e o da Xunta, que está de ganchete co lobby eléctrico.

Esa reflexión que abre sobre o seu rol no BNG responde a razóns políticas, persoais, a ambas...?
É unha decisión que responde a unha forma que eu teño de ver a política, na que hai que pensar moi ben o que se fai e no que as decisións son o resultado dun proceso no que se valoran os pros e contras. Hai cinco anos, cando me propuxeron ser portavoz nacional, penseino moito, moito, moito. Non foi unha decisión que tomase á lixeira e é un paso adiante que dei con toda convicción. Nunca me arrepentín e desde o punto de vista político deume moitas alegrías.

O BNG pasou dunha situación de resistencia a unha de reorganización e despegamento que nos sitúa nun novo ciclo no que o gran reto que temos é ser capaces de ter a confianza dos galegos para poder presidir a Xunta dentro de tres anos. É importante porque o país necesita un cambio; non podemos seguir cun goberno que non ten proxecto, que deixa unha Galiza peor, que está a deteriorar os servizos públicos ou que mira con indiferenza que cada ano marchen miles de galegos por falta de oportunidades.

Por iso, este novo ciclo require unha reflexión a fondo, colectiva no conxunto do BNG, sobre como reforzamos o proxecto para darlle unha oportunidade a Galiza de ter un goberno coas mans libres para defender os seus intereses. E, ao mesmo tempo, iso require unha reflexión persoal sobre se somos as persoas adecuadas.

Hai interpretacións que me sorprenden. Non creo que as mulleres ao ser nais teñan un cambio nas súas prioridades

O certo é que, coa pandemia, semella ser unha época moi reflexiva para todo o mundo.
É que reflexionar debería ser o habitual. Tamén me sorprenden algunhas interpretacións. Non creo que as mulleres ao ser nais de súpeto teñan un cambio sobre as súas prioridades. A maternidade tróuxome cousas moi boas que me dan forzas para loitar, pero é evidente o pouso que hai detrás desas valoracións.

Tamén se fala dun toque de atención ás bases, dun pulso con certo sector da UPG, dunha procura de consolidar os apoios internos...
Cada un ten dereito a facer as lecturas que queira. A única razón detrás desta decisión é que esta é a maneira que teño de entender a política e que creo que a nivel persoal e colectivo debemos facer unha reflexión profunda sobre este novo ciclo. Pensar sobre que pasos damos para alargar a base social, fortalecer o noso proxecto e seguir agrandando ese movemento de esperanza que se creou en torno ao BNG e que nos catapultou para ser a alternativa real ao PP.

Todo o BNG debemos pensar onde queremos chegar, cómo fortalecemos a nosa alternativa e cómo alargamos a nosa base

De que dependerá que se decante por unha opción ou outra?
Cando unha abre unha reflexión non é "quero isto e isto". É un proceso e teño ata principios de novembro, ata que teñan que estar definidas as candidaturas á portavocía xeral. Non ten que ser apurado. Necesítase un tempo para madurar tanto desde a reflexión persoal como da contorna da militancia, dos círculos que rodean ao nacionalismo.

E cal é esa reflexión colectiva que lle pide aos compañeiros?
Non é que o pida, eh! A reflexión que temos que ter é que estamos nun novo ciclo no que temos que traballar para ser forza determinante na política galega. Por tanto, debemos pensar onde queremos chegar, como fortalecemos a nosa alternativa e como alargamos a nosa base, porque sen unha base sólida calquer avance electoral vai ter os pés de barro.

Hai que pensar Galiza ao grande, ter un proxecto de país e, sobre a base do que xa temos feito, que é moito, temos tres anos para traballar man a man cos sectores máis dinámicos da sociedade galega para que compartan connosco esa alternativa de futuro, para que teñamos os mellores servizos públicos, ben coidado o medioambiente, que haxa oportunidades para a xente nova e poñamos a igualdade das mulleres como un elemento central da nosa acción nas institucións. Non imos a unha asemblea de trámite.

Cara a onde debe apuntar o BNG para ampliar a súa base social? Porque supoño que significaría sumar xente que podería decantarse polo PSOE ou mesmo o PP.
Só temos unha liña vermella: que a xente leve Galiza na cabeza e o corazón e que comparta connosco que este país necesita un proxecto coas mans libres para defender os nosos intereses e non depender das decisións de Madrid.

Para a esquerda, gobernar a Xunta supón armar unha coalición. Ve ao conxunto da esquerda galega en condicións de sumar?
O que creo é que o BNG é o elemento que pode provocar o cambio que faga que o PP pase á oposición.

O proxecto do PP é Iberdrola, Ence... Grandes empresas que utilizan Galiza para seguir incrementando beneficios

E ve á dereita máis vulnerable?
O principal problema do PP é que non ten ningún proxecto de país. O seu proxecto é Iberdrola, Ence... Grandes empresas que queren usar Galiza para seguir incrementando beneficios. O dato máis elocuente é que hoxe hai menos poboación ocupada que cando Feijóo chegou á Xunta. Nestes anos emigraron máis de 200.000 persoas por falta de oportunidades. Non podemos seguir con esta sangría nin permitindo o espolio dos nosos recursos.

Nós representamos unha alternativa para poñer en marcha cambios transformadores, poñer en valor o enorme potencial que ten Galiza e facelo confiando nas nosas forzas. O BNG mostra nos seus gobernos municipais esa capacidade de transformación e o que somos capaces de facer cando confiamos no país.

En Madrid só temos un socio, Galiza, e demandamos que se cumpra o pacto de investidura

A cuestión enerxética tamén a levarán ao Congreso. Como se equilibra ser oposición en Galiza e ser socio de Goberno en Madrid?
Gustaríame matizar que en Madrid só temos un socio: Galiza. Chegamos a un acordo de investidura co PSOE cunha serie de compromisos moi concretos en ámbitos importantes para o país. E seguimos demandando que se cumpra, porque hai asuntos moi relevantes, como o saneamento das rías, os xulgados de violencia de xénero, a mellora das infraestruturas... onde o Goberno central debe cumprir con Galiza.

Estamos dispostos a un diálogo que permita avances nos investimentos do Estado. A nosa única razón de ser é a defensa dos intereses de Galiza. Tendemos a man ao Goberno para que non se repita o agravio do ano pasado, que daba continuidade ás discriminacións orzamentarias do PP.

Considera que o BNG está a facer valer o seu escano en Madrid?
O BNG, en canto tivo oportunidade de ser determinante, usouno para poñer a Galiza no mapa e condicionar as políticas do Estado. Se hoxe hai unhas rebaixas nas peaxes da AP-9 postas en marcha é por ese acordo de investidura. É un exemplo práctico do que podemos facer cando temos capacidade para determinar a prol de Galiza.

Tamén é certo que un deputado nunha Cámara non pode solucionar todos os problemas. O importante sería que puidésemos ser un grupo galego forte que faga que os intereses de Galiza teñan máis peso en Madrid, porque está claro que nestes temas, igual que noutros, o Goberno de Galiza nin está nin se lle espera. Pasamos da submisión absoluta aos gobernos de Rajoy a unha confrontación estéril. Galiza non pode ser refén da estratexia partidista de Casado.

Mostrar consonancia con Esquerra Republicana de Catalunya e Bildu, o que adoita ser obxecto de ataque por parte do PP, pode pasarlle factura a esta procura de transversalidade ou é tamén unha maneira de remarcar que ese proceso de transversalidade non vai conlevar unha ‘españolización’ do partido?
O que creo é que Feijóo leva cinco anos repetindo a mesma matraca contra o BNG e que non lle funciona, porque, cada vez que hai un proceso electoral, o que fai o BNG é incrementar apoios dos galegos. Recomendo ao Partido Popular que siga por esa liña de ataque, porque ao BNG vaille moi ben.

E nós temos un proxecto pensado desde e para Galiza, adaptado á nosa realidade e que traballa no curto prazo cun obxectivo evidente: mellorar os nosos resultados nos procesos máis inmediatos, que son as municipais e as xerais, e sentar unhas bases sólidas para dentro de tres anos estar en condicións de dar un cambio a este país que signifique poñer punto final ás políticas que están a destruír a nosa lingua, cultura, medioambiente... e que abra unha nova etapa ilusionante.

Eu estou convencida de que cada vez hai máis xente que cando bota a vista atrás ve que Feijóo non conseguiu unha Galiza mellor, senón que deixa unha Galiza cos servizos deteriorados, sen atender ámbitos esenciais como unha mellor atención ás persoas maiores, unha mocidade que cre que o seu futuro está fóra... É un fracaso para calquera sociedade.

Comentarios