Pontón acusa a Feijóo de ser "cómplice" das eléctricas nunha subida da luz de "estafa"

Fíxoo nun acto no que estivo acompañada dos concelleiros Francisco Jorquera e Avia Veira
A líder do BNG xunto aos concelleiros diante do cartel. EFE
photo_camera A líder do BNG xunto aos concelleiros diante do cartel. EFE

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acusou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de ser "cómplice" das eléctricas, na presentación dunha campaña impulsada por esta formación contra a subida da luz que cualificou de "estafa".

Fíxoo, nun acto na praza de Pontevedra, na Coruña, xunto aos concelleiros Francisco Jorquera e Avia Veira e ante un cartel publicitario desta formación onde se ve a Feijóo abrazando ao presidente de Iberdrola na súa investidura de 2009.

Tamén se poden ler nel as lemas 'Hai apertas que venden un país' e 'cómplice das eléctricas', en referencia ao titular do Executivo galego. "Xa abonda de vender Galicia e de pór a nosa enerxía ao servizo das eléctricas", sentenciou Pontón, quen defendeu que "hai alternativas" para que os galegos poidan beneficiarse da "riqueza eléctrica" desta autonomía e usala "en beneficio propio".

"Unha tarifa eléctrica galega, pór fin a eses beneficios, crear unha compañía pública galega enerxética ou pór freo a ese boom eólico depredrador", citou, entre outras actuacións, a dirixente do BNG que, fronte ao actual modelo eólico, expuxo outro "que respecte o medio rural e o medio ambiente e que sirva para desenvolver o país".

"ESTAFA DA LUZ". Ademais, cualificou de "estafa" a subida da luz. Detrás dela, dixo "hai normas que aproban os consellos dos ministros feitas a medida das eléctricas e que se explica polas portas xiratorias que colocan a ex ministros e exconselleiras".

Para denunciar esta situación, situou a campaña impulsada polo BNG e que explicou promoven "no marco dunha escandolosa escalada do prezo da luz que afecta á economía das familias e as empresas".

"Unha estafa legalizada", da que asegurou que "pon en risco" a recuperación económica. Para Pontón, no caso de Galicia esta "estafa é maior" por ser unha autonomía "rica en electricidade" e non ter "beneficios".

"Feijóo abrázase literamente ao lobby eléctrico", sinalou tamén en referencia ao cartel publicitario da campaña nacionalista. "Un abrazo que explica moitas cousas", engadiu apuntando, entre outras, ao "baleirado dos encoros".

Comentarios