Pontón avisa a Sánchez: "Se quere o noso voto ten que dar unha solución para as electrointensivas"

A líder do BNG reuniuse este martes co comité de empresa de Alcoa en San Cibrao
Reunión entre os membros do BNG e os traballadores de Alcoa. TWITTER
photo_camera Reunión entre os membros do BNG e os traballadores de Alcoa. TWITTER

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, advertiu este martes ao líder do PSOE, Pedro Sánchez, de que "se quere o voto" da formación nacionalista galega para a súa investidura como presidente do Goberno debe ofrecer unha solución ás firmas grandes consumidoras de enerxía.

Segundo Pontón, a permanencia en Galicia desas empresas, que empregan a centos de traballadores, depende "única e exclusivamente da vontade política".

Así o manifestou Pontón en declaracións a un grupo de xornalistas durante unha visita ás instalacións da multinacional estadounidense do aluminio Alcoa en San Cibrao (Cervo).

A dirixente do BNG acompañada do representante desa formación no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, reuniuse co comité de empresa e expresou o seu apoio á manifestación convocada polas traballadores o vindeiro sábado en Lugo.

"Compartimos a preocupación que teñen polo futuro da factoría: levamos un ano vendo como as decisións e as non decisións do Goberno central están a condicionar a viabilidade dunha empresa fundamental para A Mariña e para o conxunto de Galicia", proseguiu Pontón.

A líder nacionalista galega tamén criticou a "incapacidade" da Xunta para resolver a "grave crise industrial" de Galicia, que evidencia "a foto de onte –por este luns– dun Núñez Feijóo que vai a Madrid e non é capaz de traer ningunha solución para As Pontes e Alcoa".

Na súa opinión, é "incomprensible" que en Galicia, unha rexión produtora de enerxía eléctrica, haxa "postos de traballo en risco polo custo da electricidade", e apostilou: "Estamos ante un auténtico espolio ao noso país".

Pola súa banda, Rego apuntou que un Goberno en funcións non debe supoñer unha "desculpa para que se siga pospoñendo unha e outra vez o estatuto do consumidor electrointensivo" para empresas de elevado consumo enerxético como as metalúrxicas.

"Ter solucións non só é desexable, senón que é posible: unha tarifa eléctrica galega abarataría os custos para a enerxía para todos os consumidores, incluídas as empresas elecrointensivas e hiperelectrointensivas", engadiu Rego.

O deputado do BNG sinalou que a última poxa de interrumpibilidade, unha fórmula que permite ás empresas beneficiarse de custos reducidos a cambio de parar a súa produción en momentos de gran demanda de electricidade no país, "no canto de solucionar a situación de Alcoa, agravouna", asegurou.

Comentarios