Pontón promete que os premios deportivos serán igualitarios

Avanza que un Goberno presidido polo BNG creará unha Lei de Igualdade no deporte, cunha partida para combater a brecha de xénero 

 

Visita de Ana Pontón ao equipo feminino do Burela FS. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Visita de Ana Pontón ao equipo feminino do Burela FS. JOSÉ Mª ÁLVEZ

A portavoz nacional e candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, comprometeuse a que os premios deportivos financiados con diñeiro público sexan iguais para os homes e as mulleres.
 
Así o manifestou o día 11 de xaneiro, xornada na que mantivo un encontro coas xogadoras do Burela-Pescados Rubén de fútbol sala, multicampeonas de España e de Galicia, para falar de igualdade no deporte e explicar as propostas do BNG neste ámbito. 

Na súa intervención, da que informou o BNG nun comunicado, Pontón indicou que a igualdade, tamén no deporte, será unha das súas máximas prioridades no goberno que aspira a presidir a partir do 18 de febreiro

Concretamente, no ámbito deportivo, avanzou o desenvolvemento dunha Lei de igualdade con medidas moi concretas, como combater a brecha de xénero no deporte, cunha partida orzamentaria específica para este fin, ou que os premios ou galardóns financiados con diñeiro público sexan iguais para homes e mulleres, coa mesma contía económica e a mesma divulgación. 

A líder nacionalista explicou que esta lei tamén contempla outras medidas, como a promoción de plans de conciliación "para que ningunha muller teña que abandonar a súa carreira deportiva para ser nai" ou o impulso dunha representación equilibrada entre homes e mulleres en todos os órganos deportivos, tanto na Administración como nas federacións, incluíndo a creación dunha comisión de igualdade no deporte que conte cun mínimo dun 50% de mulleres. 

Neste sentido, tamén avanzou a creación dun Observatorio de Deporte e Mulleres que permita coñecer o que ocorre neste ámbito de actuación e, deste xeito, poder determinar medidas eficaces desde a Administración. 

O proxecto da lei do Bloque incorpora tamén a necesidade de garantir a igualdade salarial entre mulleres e homes por facer o mesmo traballo en todas as federacións e entidades deportivas galegas ou que os medios públicos informen e difundan eventos deportivos mantendo un equilibrio entre as competencias masculinas e femininas. 

Outra cuestión que Pontón considerou necesaria é combater a violencia de xénero tamén no ámbito deportivo, polo que avanzou que esta Lei de igualdade incluirá tamén medidas específicas nesta dirección, como a posta en marcha dun espazo accesible e seguro para denunciar calquera comportamento machista ou quitar dos recintos deportivos, co aval da xustiza, a aquelas persoas que mostren comportamentos machistas durante a práctica deportiva mentres duren as sancións impostas. 

Pontón agradeceu a acollida á directiva do Burela-Pescados Rubén, concretamente ao seu presidente, Manuel Blanco, destacando a súa implicación no mecenado deportivo e o seu compromiso coa igualdade, e especialmente ás xogadoras, coas que compartiu un encontro-charla que cualificou de "luxo" e que lle permitiu coñecer de primeira man as inquietudes das mulleres deportistas. 

Despois de desvelar que ela mesma tivo a oportunidade de xogar hai 30 anos en Sarria nun dos primeiros equipos fútbol sala feminino, mostrou a súa alegría e satisfacción polas barreiras que han ir rompendo as mulleres, aínda que recoñeceu que "quedan moitas por romper". 

Por iso, concluíu, "imos pornos a traballar pola igualdade, porque como dicía Megan Rapinoe, a igualdade non é un privilexio, é un dereito que teñen todas as persoas".

Comentarios