Pontón insta a Feijóo a aclarar se comparte "a doutrina machista" de Álvarez de Toledo

A portavoz nacional do BNG visitou a lonxa de Celeiro

Pontón, cunha pescada na lonxa de Celeiro. EP
photo_camera Pontón, cunha pescada na lonxa de Celeiro. EP

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, esixiu ao presidente da Xunta e do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, que aclare se "comparte" as declaracións da candidata do PP Cayetana Álvarez de Toledo sobre a reforma do Código Penal que propón o PSOE para incluír o "non" no que ten que ver cos delitos sexuais. 

Unha intervención da aspirante popular que a dirixente nacionalista cualificou de "auténtica vergoña para todas as mulleres". "Unhas declaracións machistas, que están absolutamente fóra de lugar en pleno século XXI", salientou Pontón, en declaracións aos medios, durante unha visita a Celeiro (Viveiro).

"O consentimento afirmativo. Di (o seu programa) "garantiremos co Código Penal que todo o que non sexa un si é un non. De verdade van garantir iso?. Un silencio é un non? Vostedes din que un silencio é un non? Unha dúbida? De verdade van dicindo vostedes si, si, si até o final?", preguntou a candidata popular durante un debate en TVE

Por iso, preguntouse se Feijóo "comparte esas declaracións que fixo a súa candidata", nas que –engadiu– "o único que lle faltou dicir é que a culpa de que violen ás mulleres é porque levaban a saia moi curta". 

"Parece mentira que a estas alturas teñamos que seguir soportando todo este tipo de situacións, que é a pinga que colma o vaso!", lamentou a portavoz nacional do Bloque, quen se preguntou se se refería a isto Feijóo cando falou do "supremacismo ideolóxico dunha esquerda" que cre falar "en representación das mulleres". 

Pontón apelou a que acabamos de vivir "un 8M masivo" no que as mulleres reclamaron "igualdade" e nas que mostraron que "están fartas", polo que incidiu en que "non é tolerable que vexamos a unha candidata do PP justificando case a violencia contra as mulleres e culpabilizando ás mulleres da súa resistencia".

"FEIJÓO NON PODE CALAR". "Feijóo non pode calar. Ten que dicir se comparte ou non estas declaracións", esixiu a dirixente nacionalista, quen asegurou que o próximo 28 de abril as mulleres teñen "oportunidade de facer un novo 8M e apostar por forzas políticas como o BNG, que defenden o feminismo". 

É máis, advertiu de que o Bloque é a forza que "lle está disputando escanos a esa dereita antigallega, machista e carca e que quere retrotraernos ás cavernas". 

Na súa intervención, reflexionou sobre que o PP "representa a peor cara da dereita máis rancia e machista e faio atacando a dignidade das mulleres". "Porque onte (por este martes), o PP atacou a todas as mulleres que estabamos na rúa (o 8M), a todas as mulleres que denunciaron a violencia machista, a todas as mulleres que dixemos que non é posible que se nos discrimine por ser mulleres", salientou. 

Así mesmo, Ana Pontón sinalou que é "moi grave a situación que se viviu onte (por este martes) e avisou de que "o perigo non está na extrema dereita, senón que o PP do señor Feijóo encarna o peor desa dereita carca, machista e racista". 

Comentarios