Pontón propón axudas directas ao pequeno comercio e atrasar as rebaixas

O BNG lembra que as asociacións de comerciantes levan tempo reclamando límites na liberalización de períodos de descontos
Ana Pontón. EP
photo_camera Ana Pontón. EP

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, defendeu unha serie de propostas para paliar parte das consecuencias económicas das crises sanitarias e as medidas decretadas polo Estado de Alarma, como axudas directas ao pequeno e mediano comercio e un atraso do período de rebaixas para compensar este período de inactividade.

"Hai que atender o S.O.S que está a lanzar o pequeno e mediano comercio do país, que xa viña sufrindo unha crise que se fai máis aguda polas consecuencias económicas derivadas do coronavirus", sinalou Pontón.

Unha das propostas apunta ao atraso do inicio das rebaixas, como mínimo un mes, para que empecen "en agosto e non en xullo".

Así mesmo, o impulso de recursos directos para compensar as perdas desta parálise e axudas a autónomos "por valor de 2.000 euros nun pago único".

Doutra banda, Pontón propón reverter, no medio e longo prazo, as medidas de liberalización tanto en descontos como en horarios, "que só benefician ás grandes multinacionais que controlan as superficies comerciais" e "van contra os intereses dese pequeno e mediano comercio que é vital" para a economía.

O BNG lembra que as asociacións de comerciantes levan tempo reclamando límites na liberalización de períodos de rebaixas e unha regularización que favoreza ao comercio de proximidade, unha demanda que "ten especial importancia" nesta situación "para á supervivencia de viles de empregos".

Comentarios