lunes. 10.08.2020 |
El tiempo
lunes. 10.08.2020
El tiempo

Pontón: "Traballarei para cumprir o sono dunha muller presidenta en 2024"

Pontón, este luns. XOÁN REY
Pontón, este luns. XOÁN REY
A candidata do BNG dixo que ten unha sensación "agridoce" ao non conseguirse un "cambio político" en Galicia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, comprometeuse a traballar para "estar á altura" logo dos resultados electorais do domingo que levaron á formación nacionalista a segunda forza en Galicia –por diante do PSdeG–, de forma que en 2024 se poida cumprir "o soño" de ter, "por primeira vez, a unha muller na Presidencia" da Xunta. 

En rolda de prensa este luns, Pontón dixo que ten unha sensación "agridoce" ao non conseguirse un "cambio político" en Galicia, pero asegura que traballará para que os seus votantes se sentan "tremendamente orgullosos" e que nas próximas autonómicas se poida "escribir unha nova páxina na historia de Galicia". 

Así, valora que se abre unha "etapa de esperanza". "Fortalecer unha alternativa de futuro que nos permita que no ano 2024 consigamos o soño que non tivemos tan lonxe nestas eleccións", afirma. 

Asegura que aínda está "a asimilar" que o Bloque obtivese os seus mellores resultados nunhas eleccións, con 19 deputados –que supera a marca histórica de Xosé Manuel Beiras de 18 escanos en 1997–, pero acepta con "moita humildade" un "respaldo moi motivador" e crear unha "expectativa moi ampla". 

"Onte non acabou nada, senón que comeza todo, comeza un traballo que nos ten que levar a que en 2024 teñamos unha alternativa fortalecida, que nos permita abrir unha nova etapa política para este país", sostén Pontón, quen defende que hai "un proxecto consolidado" cunha "alternativa clara de goberno".

AMPLIAR BASE SOCIAL. Este luns, comezou a súa intervención dando "as grazas" aos que elixiron a papeleta do Bloque, así como ao "inmenso" e "titánico" traballo da militancia, que supón o "sostén desta organización". 

Remarca que "hai unha enorme ilusión" en relación á súa candidatura, pois conseguiu o apoio de "moitísima xente nova que votaba por primeira vez", así como de "moitísimas mulleres que soñaban cun soño colectivo de ver por primeira vez a unha muller á fronte da Presidencia". 

"Hai moitas persoas que saben que estamos moi preto de que no 2024 se poida producir un cambio galego liderado por unha muller", opina. 

Por iso, avanza que se seguirá "ampliando" a base social do BNG con "un caudal político" marcado pola "ilusión e o inconformismo". "Pode levarnos a que no ano 2024 podamos facer esa historia que empezamos a escribir hoxe de que Galicia teña por fin e, por primeira vez, a unha muller na Presidencia e a un goberno sen ataduras dos partidos estatais", agrega.

Preguntada polo afundimento do espazo das mareas e a recollida de gran parte dese voto polo BNG, Pontón reflexionou que "os votos non son dos partidos, son das persoas", mentres mostra o seu "respecto" por Galicia en Común e os seus votantes. 

Con todo, achaca a subida do Bloque ao "mérito do conxunto da organización que soubo renovarse, que soubo ver o que estaba a pasar na sociedade". 

Dixo, "con toda modestia", que foron "acertando" nun proceso de "incorporación de voces", unido ao "bo facer" do Bloque nas institucións nas que goberna. "Algo de mérito teriamos no BNG", apostila.

"GRAN ACORDO DE PAÍS". Xunto a isto, avogou por "mirar cara ao futuro" no marco dunha "situación excepcional" e "tremendamente complexa" cunha "crise sanitaria e social". Ante esta situación, tende a man a selar un "gran acordo de país", que lembra que foi unha aposta de campaña. 

Considera que o Bloque ten a responsabilidade de liderar unha parte da reconstrución do país e de "ofrecer unha alternativa fronte á crise". Por tal motivo, indica que "é o momento de facer política de altura" e "levantar ao país desta crise". 

E é que pide que "o próximo goberno debe estar á altura das circunstancias", de maneira que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "equivócase sen dialogar nin escoitar" propostas da oposición. Sobre este extremo, demanda que o PP non aborde a lexislatura de maneira "absolutista" ante "os tempos excepcionais" que se viven.

CHAMA AO ESTADO A TOMAR NOTA. Cuestionada sobre a subida de partidos nacionalistas nas eleccións vascas e galegas, Pontón avisou de que o Estado debe tomar nota o "fortalecemento de posicións que cuestionan o centralismo", con "forzas políticas propias" que esixen "maior respecto" e "dignidade". 

A líder nacionalista avisa de que "faría ben o Goberno central en escoitar" estes resultados, mentres deixa claro que o Executivo de Pedro Sánchez "ten que cumprir" co acordo co Bloque, que "foi con Galicia". E é que advirte de que a Comunidade galega vaise "xogar moitísimo" coas decisións que se tomen en Madrid. 

Pontón: "Traballarei para cumprir o sono dunha muller presidenta en...
Comentarios