A presidenta da comisión de transportes na Eurocámara, sobre Angrois: "España violou as normas"

Karima Delli, dos Verdes, avisa xunto a Ana Miranda de que tras o expediente por seguridade ferroviaria "está a vida de cidadáns"

Un cartel ante las vías en Angrois. PEPE FERRÍN
photo_camera Cartel en Angrois. PEPE FERRÍN

A deputada que preside a comisión de transportes no Parlamento Europeo, Karima Delli, do Grupo da Verdes/Alianza Libre Europea, advertiu de que o estado español "violou as normas" sobre seguridade ferroviaria, de aí o expediente aberto pola Comisión Europea. E avisou: "Non se abren procedementos porque si. Detrás está a vida dos cidadáns". 

Delli compareceu este martes en rolda de prensa xunto á deputada do BNG Ana Miranda, quen en xullo de 2017 presentou unha denuncia por suposto incumprimento desta normativa. Antes, as vítimas do accidente do tren Alvia ocorrido en Angrois en xullo de 2013, ás que ela mesma convidou a Bruxelas, interpuxeron senllas demandas na comisión de peticións, unha delas, precisamente, acerca da directiva que establece os requisitos en materia de seguridade no ferrocarril. 

"Era inevitable", subliñou Miranda, para quen "está claro" que, aínda que a Comisión abre expediente sancionador "por unha cuestión xeral" de incumprimento da normativa na actualidade —supervisou a súa aplicación a finais de 2017 e principios de 2018—, "é polo accidente do Alvia".

Ana Miranda: Europa acaba de confirmar a terrible neglixencia por parte do exministro e da exministra de Fomento, do PSOE e do PP

"TERRIBLE". "É terrible", salientou a presidenta da comisión de transportes da Eurocámara, en relación con que haxa normas que "non foron respectadas" no que ten que ver coa supervisión da normativa e a investigación dos accidentes.  Agora, ambas, tanto Karima Delli como Ana Miranda chamaron a atención sobre que "a verdadeira cuestión" será esperar a que a Comisión "diga en concreto" que é o que o estado español debe corrixir. "Se o regulamento non foi respectado fai falta que sexa respectado", recalcou Delli. 

Pola súa banda, Miranda deu a benvida á apertura deste procedemento de infracción porque os nacionalistas levan "loitando desde o 24 de xullo de 2013 porque se diriman responsabilidades, fágase unha investigación independente e que este accidente non se volva a producir en ningún lugar de Europa".

A eurodeputada do BNG solicitou unha entrevista formal á comisaria de Transportes e outra "nos servizos da comisión competentes da apertura do procedemento de infracción"

"NEGLIXENCIA" DOS EXMINISTROS. "Europa acaba de confirmar a terrible neglixencia por parte do exministro e da exministra de Fomento, do PSOE e do PP, á hora de inaugurar o tren da liña Alvia entre Ourense e Santiago e na tramitación da súa seguridade e na posterior posta en marcha da comisión de investigación da CIAF", sentenciou.  Por iso, desde Bruxelas, esixiu "responsabilidades políticas". "Hai persoas en exercicio de cargo público que seguen tendo responsabilidades e que eran as responsables non só no momento do accidente senón tamén na implementación posterior", subliñou. 

Neste escenario, a eurodeputada presentou unha iniciativa para solicitar formalmente á Comisión "cales son as deficiencias concretas que relata no informe e se vai pedir ao estado membro que realice unha investigación independente como sempre pediu". En calquera caso, preguntouse se en dous meses "agora" España poderá emendar as deficiencias, "se non tiveron" tempo suficiente durante o "cinco anos" transcorridos "desde o accidente do Alvia". "Oxalá. E oxalá haxa un cambio de rumbo co novo goberno", remachou. 

Delli advertiu de que a causa do sinistro de Angrois é "moito máis complexa e sistémica" que a responsabilidade do maquinista

Ademais de todo isto, Miranda solicitou unha entrevista formal á comisaria de Transportes e outra "nos servizos da comisión competentes da apertura do procedemento de infracción".

"RESPONSABILIDADES POLÍTICAS". Pola súa banda, fixo fincapé na esixencia de "responsabilidades políticas aos exministros que van comparecer o día 11 no Congreso". E concluíu sinalando que a información sobre o expediente "alguén desde o Ministerio de Fomento debeu filtrala", antes de lamentar que "teñen máis información que a propia deputada denunciante". 

Pola súa banda, Delli advertiu de que a causa do sinistro de Angrois é "moito máis complexa e sistémica" que a responsabilidade do maquinista e reivindicou o papel do Parlamento Europeo e da Comisión. "Non se xoga coa seguridade dos pasaxeiros", resolveu. 

Comentarios