O primeiro intento para desencallar o 'Blue Star' será este luns

Estímase que sobre as 14.22 horas se darán as condicións para reflotar o buque, que se atopa na ría de Ares
El 'Blue Star', encallado. DANIEL ABELEDO
photo_camera O 'Blue Star', encallado. DANIEL ABELEDO

O primeiro intento para reflotar o buque 'Blue Star', encallado desde o 24 de novembro na ría de Ares, será sobre as 14.22 horas deste luns. Nese momento haberá pleamar e agárdase que se dean as condicións que faciliten a operación, con ondas que poderían alcanzar os sete metros de altura. Así o aseguraron fontes do dispositivo de rescate consultadas pola axencia Europa Press, que trasladaron que todo o operativo, tanto en terra como no mar, está a traballar para poder realizar este primeiro intento en data e en hora.

Os responsables da empresa SMIT Salvage, contratada polo armador conxuntamente coa local Ardentia Marine, de Fene, están a reforzar os puntos de tiro do barco para o seu remolque, xa que terán que aguantar unha resistencia dunhas 200 toneladas en cada un dos puntos. Utilizaranse dous grandes remolcadores, polo que o tiro total será de 400 toneladas. Destas tarefas encargaranse tanto o 'Union Princess' como o 'Boka Pegasus', que xa están nas proximidades do buque sinistrado.

Ambos son considerados "dos máis potentes" para poder acometer accións deste tipo e teñen xa embarcados nas súas cubertas os trens de remolque. Ademais, o 'Boka Pegasus' xa ten un cabo unido ao 'Blue Star'. Tamén continuan na zona o 'Don Inda' de Salvamento Marítimo e o 'Vehintiocho'. Este último, chegado hai varios días desde Santander, será utilizado como buque de apoio nas tarefas.

PLAN DE RESCATE

Segundo o plan de rescate de SMIT Salvage, a operación de tiro consistirá nun arrastre de maneira combinada entre a zona de babor e de popa do buque sinistrado. Todo iso canto exista pleamar, cun mar axitado, con ondas que axuden e colaboren cos remolcadores para suspender o máximo ao buque e evitar as rocas existentes na zona da quilla.

Outro factor a favor desta operación é que nestes momentos o barco pesa unhas 110 toneladas menos que cando encallou, debido á retirada de combustibles e lubricantes do seu interior, ademais das tarefas que se realizan nos tanques de lastre, que se espera ter totalmente presurizados para o comezo da operación no mediodía do luns.

Isto último realizarase co inxectado de aire comprimido para expulsar a auga que entrou no interior do quimiqueiro tras as roturas en varios zona do casco. No entanto, só afecta á zona exterior, xa que o buque é de dobre casco, e por iso non afectou aos seus depósitos interiores.

Comentarios