Roberto López | Gandeiro lucense

"Se os problemas do sector se fan virais, igual serve para que empecen a cambiar as cousas"

As súas intervencións en televisións estatais convertérono no rostro dos miles de gandeiros que claman por solucións para a grave crise do sector primario. Sen pelos na lingua, as súas declaracións representan a desesperación dos produtores
Roberto López, co micrófono. AEP
photo_camera Roberto López, co micrófono. AEP

Roberto López converteuse na voz de miles de gandeiros que ven perigar as súas explotacións por mor da grave crise que atravesa o sector primario. Non é a primeira vez que protagoniza un vídeo viral, pero as súas últimas intervencións en programas estatais de televisión en defensa da folga do transporte, con expresións como "vais a comer mierda" ou "ya veremos si sois capaces de pagar los precios", fixeron que moitos empezasen a mirar cara aos problemas que sofren as granxas.

As súas duras declaracións contra o Goberno central no Programa de Ana Rosa fixo que mesmo chegase a pedir desculpas.
Estamos nunha situación desesperada, ninguén recolle o leite e moitas vacas acaban nos matadoiros para poder pagar facturas. Todo o que dixen é certo, pero quizais as formas non foron as correctas.

En todo caso foi unha intervención que se viralizou.
Eu non entendo cando algo se converte en viral ou non. Levo anos dando entrevistas e levamos moito tempo advertindo que se ía producir unha situación de crise como a actual. Creo que como sociedade tíñannos durmidos e non eramos capaces de ver o que estaba a pasar. Se isto serve para facer virais os problemas do sector, se cadra serve tamén para que empecen a cambiar as cousas.

Non ten pelos na lingua e as súas críticas normalmente van contra o Goberno de Sánchez.
A min dáme igual quen estea no Goberno. A situación actual non é culpa de ningún en concreto, senón que é froito de anos de políticas erradas que se fixeron desde a Unión Europea. Pero ollo, que nós tamén somos Europa e non se fixo nada por reverter a situación que se estaba creando.

Que é o que máis lle molesta entón deste Goberno?
Moléstame a actitude. Cando hai que tomar decisións nun momento determinado, todos nos podemos equivocar. Pero se fallamos, o normal é recoñecelo e buscar novas solucións. Iso non está a pasar agora, o Goberno sabe que se equivoca, pero non só non o recoñece senón que ademais non quere escoitar as partes, nin sequera reunirse con elas.

Independentemente de que se dea unha solución á folga do transporte, cre que pode haber futuros problemas de desabastecemento?
Indubidablemente vainos haber. O Goberno xa chega tarde para dar unha solución ao problema do cereal. Se non hai onde compralo, porque a maioría procede de Rusia e Ucraína, o lóxico será producilo aquí, pero iso xa non pode ser porque se pasou a época de sementa, polo que despois do verán non haberá nada que recoller. O Goberno tería que prevelo, facilitar a compra de plásticos, fertilizantes e gasoil para os tractores, pero non fixo nada e cos prezos actuais esa produción é inviable para as explotacións.

Tamén alerta da futura carestía dalgúns alimentos, como o caso do leite.
O problema do leite non é que moitos gandeiros a tiveran que tirar por culpa da folga do transporte. O verdadeiramente preocupante é que debido aos baixos prezos que vimos soportando desde hai anos, moitos produtores optaron por levar animais ao matadoiro para poder pagar as facturas das súas granxas. Isto traerá consigo un descenso na oferta mentres que a demanda seguirá subindo.

E quedarán moitas explotacións polo camiño.
Claro, moitas non poderán sobrevivir a esta situación. Así que se non se regula o prezo, como vimos pedindo desde hai tempo, serán uns poucos os que decidan quen pode tomar leite e quen non, porque os prezos os poñerán eses poucos produtores que queden.

Pensa que a sociedade é consciente destes problemas do campo?
Creo que por mor da folga do transporte, a sociedade empezouse a dar conta da importancia do sector gandeiro. Nós traballamos 365 días ao ano para dar de comer á xente e se o campo non produce, a cidade non come.

Comentarios