GONZALO CABALLERO

"O PSdeG non pode artellarse arredor dunha baronía que fracasou nas eleccións"

Convencido de que gañará o día 30 e de que o fará con máis apoio que hai catro anos, o secretario xeral do PSdeG en funcións trata de "activar a militancia" tras 19 meses en letargo polo covid
binary comment
photo_camera Gonzalo Caballero, no Parlamento de Galicia. PEPE FERRÍN

Que tal vai a campaña?

Vai moi ben e cada día que pasa percibo un apoio máis grande da militancia. Hai entusiasmo e ilusión nunhas bases que queren seguir avanzando e non retroceder. Hai catro anos déronme un impulso claro nas catro provincias e penso que nesta ocasión imos incrementar o nivel de apoio.

Será útil a campaña para mover voto ou a estas alturas está xa todo o peixe vendido?

Vimos de 19 meses de covid nos que o partido deixou de ter moita actividade presencial, polo que a campaña é importante para mobilizar e conseguir unha participación alta. Eu pídolle á militancia que vaia votar, que o faga en liberdade, sen presións e en conciencia para definir o futuro do PSdeG. A campaña axudará nesa labor de activación das bases.

Hai un debate máis de filias e fobias persoais que de partido?

Eu defendo un proxecto socialista sobre catro sinais: esquerda, galeguismo, ecoloxismo e feminismo. Con él xa avanzamos ao longo dos últimos catro anos en apoio electoral en todas as convocatorias e hoxe o PSdeG está mellor que hai catro anos. Temos máis músculo e forza e un proxecto alternativo ao PPdeG que agora debemos seguir fortalecendo.

Ten a sensación de que está sendo máis duro que o seu rival?

En absoluto. Gústanme as primarias porque son unha oportunidade para falar de política. Pero ademais, as palabras hai que contrastalas cos feitos e a miña traxectoria e traballo intenso a prol do PSdeG é recoñecida polo partido, igual que o meu compromiso socialista, que está sempre presente. Eu non teño que recuperar o orgullo de ser socialista porque os socialistas nunca o perdemos. Afronto a campaña en positivo, pero fálolle con sinceridade á militancia porque hai certos cantos de serea que non se corresponden coa realidade do que outros fan.

Respondeu Formoso á súa proposta de debates?

Os debates son cosubstanciais ás primarias. Creo que é bo que poidamos presentar dous modelos diferenciados de partido. Eu represento un PSdeG de esquerdas e galeguista, que ten alternativa a Feijóo e cunha base sólida de abaixo cara arriba. Enfronte hai un modelo máis conservador, que pasea con Feijóo nas campañas e quere decidir o futuro nos despachos con operacións de baronías. Por iso é indispensable que haxa debates e vainos haber, porque a propia norma do partido así o especifica. Estanse concretando.

Falou recentemente con Valentín González Formoso?

Coincidín con él no comité federal, onde nos saudamos e intercambiamos impresións.

Como é a súa relación con el?

A relación persoal é boa, pero temos traxectorias distintas. Eu son un militante de base e un home moi de partido, que sempre súo a camiseta polo PSdeG. Nos primeiros de maio estou cos sindicatos defendendo a clase traballadora, o 25 de xullo asisto á ofrenda floral a Castelao en Rianxo desde que a implantou Touriño, cando hai manifestacións pola sanidade, a educación ou o medio ambiente sempre estou... Mentres uns participamos en todas as campañas de forma activa, o outro candidato atreveuse a desertar das súas responsabilidades e non está presente nin no mitin central da campaña das xerais na cidade da Coruña, na súa provincia. Son feitos que teño o deber de trasladar ao partido e á cidadanía para valorar dúas traxectorias que representan dous modelos distintos.

Que vantaxes cre que ten vostede sobre o seu rival?

Eu teño un proxecto que freou todas as tendencias de caída electoral que arrastrabamos desde Touriño, aínda que despois veu o covid e Feijóo aproveitouno. A miña dedicación ao partido foi intensa e o PSdeG non se pode converter nunha máquina trituradora de líderes, porque ao longo destes tempos non escoitei ningún proxecto alternativo, só unha operación orgánica para controlar o partido pero que responde a baronías e non aos intereses da xente. Eu represento un PSdeG con ideas e levo dous anos no Parlamento fronte aos 16 de Feijóo ou 17 de Pontón, polo que necesitamos tempo para coller forza. Ao longo da vida dediqueime a acabar os meus estudos, a desenvolver unha traxectoria profesional e levo catro anos á fronte do partido. Estou moi agradecido á militancia do PSdeG, que vai volver apostar por un proxecto gañador, que é este.

Foi líder do PSdeG estando dentro e fóra do Parlamento. Prexudica ao seu rival non ter escano?

Hoxe o PSdeG ten un liderado e uha referencia e calquera estratexia para descabezar o partido implicaría enormes riscos, por iso Pontón e Feijóo sorrín cando ven a estratexia do outro candidato. Virar agora a unha posición de partido sen referencias é un risco que non podemos asumir. O PSdeG ten que ter un proxecto transversal para as catro provincias, non podemos artellar un proxecto dependente dunha baronía provincial. Ademais, mentres en Pontevedra e Ourense medramos en votos e deputados nas autonómicas, o modelo da provincia da Coruña foi un fracaso porque perdemos votos e deputados. Eu represento un PSdeG que chega a todo o territorio.

Hai división norte-sur no PSdeG?

No PSdeG que eu represento hai un proxecto para o conxunto de Galicia e non se pode articular como a suma de estruturas provinciais ou locais, senón que ten que ter un discurso vertebrador na Galicia urbana e rural.

Se gaña, integrará a lista rival?

Ao longo destes catro anos a miña liña de traballo foi incorporar as mellores capacidades do partido, con independencia de onde viñan. O meu modelo é plentamente integrador. De feito non hai máis que ver a xenerosidade coa que xestionei o PSdeG neste tempo: á fronte da Deputación en Lugo propuxen o actual presidente, que hai catro anos non me dera o seu apoio; e á fronte da subdelegación do Goberno en Lugo tamén propuxen unha compañeira que entón non me apoiou; e hai unha deputada no Congreso concelleira en As Pontes. Fíxeno pensando no mellor para o partido. Algúns piden participación e logo non asisten aos órganos de dirección. Por exemplo o outro candidato non asistiu en máis de tres ocasións á executiva galega cando houbo cerca de trinta reunións, nin ao comité federal durante catro anos. De feito foi o único galego que non foi ao comité do partido para aprobar a moción de censura contra Rajoy. Se incorporamos xente e non vai, estamos fallando. Eu farei un novo equipo de dirección, que incorpore renovación para un tempo novo.

Que lectura saca do congreso federal de Valencia?

Tiven unha xuntanza con Pedro Sánchez e fun o único interlocutor de Galicia que falou directamente con el. Penso que o socialismo galego ten que contribuír a que en España teñamos un goberno progresista ante o risco da dereita e a ultradereita. O partido precisaba unha mostra de forza así que foi un congreso diferente, máis aberto e mediático. Veñen tempos duros e temos que fortalecernos.

Dará un paso atrás se perde?

Eu só contemplo gañar.

Hai máis de trinta anos, cando tentou defender as árbores de Ponteareas, perdeu aquela batalla.

[ri] Cortaron parte das árbores da Feira Vella. Lembro que ía pola rúa e me parou un programa de TVE no que te subían a un plató móvil a falar do que quixeras sobre a vila e eu falei daquelas árbores. Sabía que o grabaran pero non o vira ta que o outro día mo enviou unha compañeira do BNG; e foi viral.

Xa tiña madeira de político.

Iso que o xulguen outros.

Se gaña as primarias, que será o primeiro que fará?

Facer novos equipos para fortalecer o partido e impulsar as liñas de reactivación da economía, do social e da sanidade. Non podemos perder tempo porque Galicia precisa un PSdeG forte.

Comentarios