O PSdeG promete "un mapa de servizos básicos" para dar resposta ao reto demográfico

Gonzalo Caballero participou nun acto coa alcaldesa de Lugo
Caballero, con dirigentes del PSOE lucense. LAURA CAMPOS
photo_camera Caballero, con dirigentes del PSOE lucense. LAURA CAMPOS

O candidato socialista á Presidencia da Xunta de Galicia, Gonzalo Caballero, comprometeuse este luns en Lugo a "elaborar un mapa de servizos básicos que garanta o acceso para o conxunto da poboación", co fin de combater e dar resposta ao reto demográfico. 

O líder dos socialistas galegos avanza que este mapa se configurará "na totalidade do territorio de Galicia, dentro dun limite de tempo e de distancia" que se fixarán por lei. 

Diso informou nun acto do PSdeG nun hotel da cidade amurallada, onde estivo acompañado por, entre outros, o presidente de Asturias, Adrián Barbón, e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez. 
Así mesmo, Gonzalo Caballero asegurou que se porá en marcha tamén "un fondo de cohesión demográfico" e unha axencia pública de desenvolvemento rural e reto demográfico.

Sinala que o obxectivo desta axencia será servir como garantía defensa dos dereitos do rural para que non poidan tomarse decisións como o peche do paritorio de Verín (Ourense). "O extremismo supón pechar paritorios", reprocha ao PP. 

Nesta liña, Caballero remarca que Galicia conta cos "peores datos demográficos de España". Lamenta que hai 70.000 ocupados menos que cando chegou Alberto Núñez Feijóo á Xunta, nun período no que hai 650.000 máis en España.

GALICIA E ASTURIAS, "DA MAN". Previamente, o presidente asturiano, Adrián Barbón, apelou á necesidade de que Galicia e Asturias camiñen da "man". Sobre a situación demográfica, destaca que el "sempre" fala de "reto e non drama". "Este é tamén un dos elementos comúns que temos ambas as comunidades autónomas", explica. 

"Temos a necesidade imperioso de traballar da man, e alégrome moito que unha das ideas forza que traslada sempre Gonzalo Caballero é a necesidade de que Asturias e Galicia traballen da man na defensa dos seus intereses comúns e nese postulado", subliñou.

FREAR A "SANGRÍA" DEMOGRÁFICA. Pola súa banda, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, chamou a atención sobre a importancia de crear emprego, así como de mellorar os servizos e infraestruturas para frear a "sangría demográfica". Apela a "contar" cos inmigrantes e que "sexan activos e importantes para o desenvolvemento" de pobos e cidades. 

Un dez por cento dos case 100.000 veciños da cidade de Lugo xa son inmigrantes, segundo os datos que ofreceu a alcaldesa no salón do Hotel Méndez Núñez, que se encheu neste acto do PSdeG. 

Comentarios