Queiman unha ambulancia en Santa Comba e pican as rodas doutras na provincia de Pontevedra

Os incidentes prodúcense a dous días da nova reunión entre patronal e sindicatos

Ambulancia calcinada en Santa Comba. TVG
photo_camera Ambulancia calcinada en Santa Comba. TVG

Unha ambulancia foi queimada na localidade coruñesa de Santa Comba e outras dúas sufriron picadas na provincia de Pontevedra dous días antes de reunirse de novo este xoves patronal e sindicatos no Consello Galego de Relacións Laborais. 

Segundo informaron a Europa Press fontes da patronal de empresas de ambulancias en Galicia, sobre as 2.30 horas deste martes rexistrouse unha ambulancia queimada en Santa Comba na que, ademais, había unha pintada na que se lía 'convenio xa'.

Ademais, na madrugada deste martes tamén se rexistraron catro rodas picadas nunha ambulancia en Nigrán e noutra en Tui picaron o refrixerador e catro rodas. 

Por todo iso, os empresarios presentaron unha nova denuncia ante as forzas da orde como cada ocasión na que se rexistran danos en vehículos do transporte sanitario. 

A pasada semana, entre o 18 e 24 de febreiro, os sindicatos UXT, CIG e Comisións Obreiras levaron a cabo o segundo tramo da folga intermitente convocada para reivindicar un novo convenio colectivo, que seguirá entre o 4 e 10 de marzo. 

Este xoves 28 está prevista a segunda reunión con mediación no Consello Galego de Relacións Laborais, após un encontro mantido o venres 22 na sede do Sergas en Santiago, despois da cal sindicatos e empresarios advertiron á Consellería de Sanidade que "a pelota está no seu tellado" porque se non fai pública a contía do novo concurso a patronal insiste en que non pode negociar o convenio. 

Comentarios