domingo. 24.10.2021 |
El tiempo
domingo. 24.10.2021
El tiempo

Queremos Galego prepara unha "gran manifestación" para o 17 de maio

Marcha a favor do galego en Santiago
Marcha a favor do galego en Santiago
"En galego, sen límites" é o lema da marcha convocada en Santiago polo Día das Letras Galegas

A plataforma Queremos Galego presentou este luns a manifestación convocada para o 17 de maio, Día das Letras Galegas, baixo o lema "En galego, sen límites".

O presidente de A Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, unha das entidades de diferentes ámbitos que integran Queremos Galego, dixo nunha conferencia de prensa que o lema baixo o que se desenvolverá a manifestación fai referencia aos "límites" que desde as institucións "se impoñen" á lingua galega.

Neste sentido, o representante da Mesa falou mesmo dun "apartheid legal" e "dun proceso de estranxeirización cada vez maior impulsado polas propias administracións". Fronte a esta situación, indicou que hai un aumento da demanda do uso do galego por parte da sociedade e dixo que o "éxito" das mobilizacións sociais en defensa da lingua autóctona son consecuencia das "promesas incumpridas" polo Goberno autonómico e que se recollen no propio Estatuto de Autonomía ou na Lei de Normalización Lingüística.

"O que sufrimos por parte das institucións públicas fronte a esta sociedade cada vez máis dinámica en defensa da súa lingua son importantes retrocesos que en moitos casos están favorecidos polo propio Goberno galego, que ten a obrigación legal de promover a normalización lingüística", subliñou Maceira. Por iso, fixo un chamamento á "reacción colectiva para reverter o proceso de substitución lingüística no noso país". "Non chega só co movemento social, fan falta tamén accións que se correspondan con ese movemento social", engadiu.

O responsable da Mesa pola Normalización Lingüística pediu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a mesma "dignidade" que, dixo, "está a demostrar o pobo galego todos os días mantendo viva a súa lingua".
Maceira indicou que hai máis de cincocentas disposicións legais no Estado "que impoñen a presenza do español", mentres que para a lingua galega dixo que "apenas existen unhas cinco ou seis normas que en ningún caso se cumpren". "Isto é a evidencia dos límites que temos para vivir en galego no noso propio país", concluíu.

Queremos Galego prepara unha "gran manifestación" para o 17 de maio
Comentarios
ç