Domingo. 19.05.2019 |
El tiempo
Domingo. 19.05.2019
El tiempo

Quinteiro responde a Rajoy: "O PP é un partido imputado por corrupción"

Paula Quinteiro PEPE FERRÍN
Paula Quinteiro PEPE FERRÍN

O presidente do Goberno falou no Congreso da deputada "que rompía retrovisores"

Paula Quinteiro, a deputada de En Marea e afiliada de Podemos Galicia que se viu envolvida nun incidente coa Policía Local de Santiago na madrugada do 18 de marzo, respondeu a través da rede social Facebook ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy, que o seu partido está "imputado por corrupción". 

Fíxoo despois que o dirixente popular usara o seu caso para afear a Pablo Iglesias a situación do partido morado durante a sesión de control ao Goberno no Congreso dos Deputados. 

"M. Rajoy utilizou o Congreso para mentir e difamar", acusou a deputada da corrente Anticapitalista, á que o líder de En Marea– partido polo que se presentou ás eleccións autonómicas–, Luís Villares, lle pide a súa dimisión por verse implicada nun incidente coa Policía Local, que facía un control nocturno por mor dunha denuncia de vandalismo feita por un veciño.

Concretamente, Rajoy dixo no Congreso que a deputada "dedicaba o seu tempo de asueto a romper espellos retrovisores de persoas que ousaban a aparcar" na rúa. 

No atestado policial instruído aquela noite recóllese que a parlamentaria esgrimiu a súa condición de aforada para "dificultar" a identificación de persoas do seu grupo de amigos, pero ela defendeu que só quixo "intermediar". En todo caso, a instrución da causa non vinculou polo momento a rotura dos espellos retrovisores co grupo de persoas que foi interceptado e no que foron identificadas un total de tres persoas. 

"Por moito que se repitan as mentiras non se converten en verdade", indicou na rede social. Ademais, Paula Quinteiro quixo "aclarar" que ela "non participou en ningún acto deste tipo", acto que, ademais, "condena totalmente".

"POLÍTICA LAMEIRA". No seu post engade que "a realidade é que o PP, imputado por corrupción estrutural, converteu a política nunha lameira ao máis puro estilo dun faladoiro televisivo do corazón, o único xeito de desviar a atención da súa corrupción sistemática e estrutural". 

"Mente para evitar falar das súas políticas nefastas para o conxunto das clases populares, para tratar de ocultar o momento de enormes retrocesos en liberdades e dereitos que vivimos", engade Paula Quinteiro, quen considera que o PP "mostrou unha vez máis que non ten un mínimo de pudor en mentir a todos". 

"E o grave non é que amenta sobre min, senón que o fai diariamente sobre os recortes en sanidade, educación, sobre o paro, sobre os salarios, sobre emigración...", agrega, antes de sentenciar que "cada día que pasa quedan máis retratados". 

Quinteiro responde a Rajoy: "O PP é un partido imputado por...
Comentarios